O PP galego eríxese agora como defensor da "descentralización" de España

O líder dos populares defende que "Madrid non é España, é a capital". Así o afirmou nun foro decorrido esta segunda feira en Portugal, na que dixo apostar no potencial do Corredor Atlántico ferroviario, entre outras cuestións. Vox critica esta postura 'divisoria' de España.
Xente en Madrid nesta segunda feira, primeiro día laborábel após a fin do estado de alarma. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)
photo_camera Xente en Madrid nesta segunda feira, primeiro día laborábel após a fin do estado de alarma. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)

A segunda edición do foro Diálogos Gallaecia, que decorreu hoxe en Porto coa participación do presidente da Cámara municipal, Rui Moreira, e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, serviu para que este último apostara nun marco de "descentralización" de España. O mesmo discurso fixo Moreira, neste caso no que se refire a Portugal.

Para amosar a súa aposta por que non todo pase por Madrid, o tamén líder do PP galego defendeu a necesidade de que os Gobernos español e luso pensen de forma prioritaria en que os fondos europeos vaian destinados ás conexións ferroviarias da fachada atlántica, "chaves para a competitividade da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal".

Segundo asegurou, hai que aproveitar a "oportunidade que supón o Corredor Atlántico ferroviario para reforzar a capacidade loxística do córner do noroeste peninsular, coas conexións ferroviarias a Punta Langosteira, xa encamiñada, e a Saída Sur de Vigo, cuxo estudo para valorar as distintas alternativas acaba de ser licitado polo Ministerio de Transportes".

Nesta liña afirmou estar satisfeito porque o Executivo portugués xa dera mostras de que o seu interese é conectar primeiro Vigo con Porto, dando lugar despois a un eixo que mellore a mobilidade entre A Coruña e Lisboa.

Quer Moreira, quer Feixoo -que prometeu seguir apostando na eurorrexión, malia as críticas recibidas polo fechamento perimetral da Galiza sen atender ás circunstancias particulares da 'raia' nin instar ao Goberno do Estado a facelo, destacaron as consecuencias da centralización en España e Portugal.

Sen provocar problemas de "gobernabilidade"

Segundo recolle Europa Press, o responsábel da Xunta da Galiza puxo a xestión da "nacionalidade histórica" galega como exemplo de "solvencia" e de lealdade co Estado. "Non causamos ningún problema de gobernabilidade nin tampouco á actividade económica", recalcou, fronte a Catalunya, antes de salientar que "descentralización non ten que levar o incremento de gasto".

Así dixo ser "firme defensor da descentralización desde a responsabilidade" porque a "recentralización é un perigo que pode destruír o país". Tras semanas de novas sobre as eleccións e o resultado en Madrid, opinou: "Madrid non é España, é a capital".

Mais após estas declaracións, fontes de Vox afirmaron que ven a Feixoo como a persoa que lidera a corrente popular de "cortar España [no sentido de dividir] e dar todo o poder ás comunidades autónomas".

Comentarios