CiU e PNV súmanse ao pacto sobre a UE de PP e PSOE

O acordo promove avances cara á "unión bancaria", a "recapitalización directa dos bancos" a través do Mecanismo Europeo de Estabilidade e exixe a sinatura dun acordo de libre comercio cos EUA

photo_camera [Imaxe: Moncloa.es]

O primeiro dos pactos alcanzados entre PP e PSOE chega esta terxa feira ao Parlamanto español. Após desmarcárense os demais grupos da oposición, as dúas forzas políticas maioritarias aprobarán, co apoio de CiU, PNV, UPN e Coalición Canaria, un acordo duramente criticado polo soberanismo. 

Na súa proposición non de lei ambos os dous partidos instan ao Goberno de Mariano Rajoy a pular pola Unión Monetaria e Financeira no Consello que decorrerá en Bruxelas o vindeiro 27 de xuño.

Para PSOE e PP, urxe afondar no proceso de integración económica "nos seus alicerces financeiro, fiscal, escómico e político" a través da "unión bancaria" e da "ruptura do círculo vicioso entre soberanía e débeda" a través da "recapitalización directa dos bancos" cos fondos que integran o Mecanismo Europeo de Estabilidade. 

Aliás, urxen a sinatura dun tratado de libre comercio "cobizoso" entre a UE e os EUA e da aplicación da Acta de Mercado único I e II que promove a integración dos servizos no mercado europeo. 

As medidas propostas no pacto foron duramente criticadas polas demais forzas do arco parlamentar ao consideraren que supón "un brinde ao sol" que non achega solucións ás problemáticas reais que atinxen a unha poboación cada vez máis empobrecida. Aliás, o soberanismo de esquerda (BNG, Amaiur e ERC) denunciaron que a proposición de lei "acredita no actual sistema económico causante da crise" e "non cuestiona as políticas europeas" que deron lugar á quebra da Zona Euro. 

As tres forzas, aseguraron que o obxectivo do acordo é "reactivar o bipartidismo" e a política do pacto social continuísta cos recortes e as medidas antisociais. 

Comentarios