O PP designa Iturgaiz para Euskadi e retrasa o reloxo 30 anos

Pablo Casado prescinde de Alfonso Alonso como candidato para as eleccións vascas e procura un discurso máis duro e de confrontación co nacionalismo.

Carlos Iturgaiz e Alfonso Alonso
photo_camera Carlos Iturgaiz e Alfonso Alonso (Europa Press)

Génova prescinde de Alfonso Alonso como candidato do PP para as eleccións vascas - Alonso en consecuencia presentou a súa dismisión como líder do PP vasco-  e elixe para esa responsabilidade a Carlos Iturgaiz, aznarista, líder dos populares vascos na década dos 90, fervoroso anti nacionalista e cun discurso sen matices que aqueles anos se caracterizou por afirmar que “Todo era ETA”. Pasaron 30 anos, ETA xa non existe, mais Iturgaiz é dos que mantén, como Mayor Oreja, Como Aznar (que é quen está detrás de toda esta xogada, segundo medios vascos e madrileños), que ETA sigue vive no independentismo e nacionalismo e que hai que combatelos.

Iturgaiz anunciaba en  2019 que deixaba a política porque a dirección do PP español non lle dera un posto para as europeas como el quería. Volve agora a primeira liña da política vasca da man desa mesma dirección.

Para Iturgaiz, o PP ten que se centrar en combater a “Frente Popular” conformada por Pedro Sánchez en Madrid con “comunistas, separatistas e batasunos”. Afirma que é “unha honra e un reto” liderar a candidatura dos populares en Euskadi.

Nos últimos anos, e a través de declaracións, este dereitista vasco deixou máis dunha polémica, como cando chamou “guarros” á CUP ou “fillos de puta” a quen asubía o himno español.

Iturgaiz afirmou esta segunda feira nunha entrevista radiofónica que hai que "salvar España" e que "estamos en alarma nacional" perante un Goberno "fascio-comunista". 

Comentarios