O PP desacredita a Ayuso e descarta a 'complicidade' do rei nos indultos ás presas e presos políticos cataláns

Cando desde o Goberno do Estado reitérase que a intención e que os indultos ás presas e presos políticos cataláns sexan tramitados nas vindeiras semanas, a dereita apura as súas opcións de rendibilizalos politicamente, tras unha manifestación na que Ayuso insinou a complicidade do rei se os asinase.
Pablo Casado, presidente do PP, na presentación onte da Convención da forza estatal. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)
photo_camera Pablo Casado, presidente do PP, na presentación onte da Convención da forza estatal. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

¿Que vai facer o rei de España a partir de agora?¿Vai asinar eses indultos?¿Vano facer cómplice diso?”, as palabras antes da manifestación do domingo de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, desataron o nerviosismo dentro dun Partido Popular que encomendou a segunda feira a aclarar por todos os medios posíbeis que a responsabilidade corresponde a Pedro Sánchez.

Desde primeira hora da mañá, a voceira do PP no Congreso, Cuca Gamarra; o voceiro do PP no Senado, Javier Maroto; ou o vicesecretario de Comunicación da forza estatal, Pablo Montesinos, repetiron que o rei ten que “cumprir a súa obriga constitucional”, até asinando os indultos, e escusaron calquera papel que poida ter no proceso para outorgar a medida de graza ás presas e presos políticos cataláns, sinalando directamente a Presidencia do Estado.

Pouco despois, era Pablo Casado, presidente do PP, o que aproveitaba a presentación da Convención do partido para rematar de desacreditar a presidenta de Madrid e recalcar que na sociedade está moi claro “o quen e quen do triste pacto dos indultos e sabe moi ben que ninguén, salvo quen os promove e os aplaude, son responsábeis”.

Malia que durante os gobernos estatais do Partido Popular se concederon a meirande parte dos indultos nas últimas catro décadas, Casado catalogou de “inmoral e equivocada” a intención declarada do Executivo actual, apuntando cara unha suposta “mutación constitucional para furtar aos españois a súa soberanía”.

Unha manifestación máis cativa que hai dous anos

Despois da manifestación hai dous anos no mesmo lugar en contra da negociación do PSOE con forzas soberanistas, só participaron a metade de persoas -25.000 segundo a Delegación do Goberno estatal- que naquela ocasión.

Desta vez, non houbo fotografía común dos líderes de PP, Vox e Ciudadanos, que forzaron a súa separación durante o acto para evitar a repetición da imaxe.

Iceta apunta que os indultos poden chegar antes do 1 de agosto

O ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, adiantou esta segunda feira que os indultos “poden ser en calquera momento, mais creo que serán antes de irnos de vacacións”, e lembrou que o domingo foi a vicepresidenta primeira do Goberno estatal, Carmen Calvo, quen tamén sinalou que en poucas semanas estarían listos para a súa tramitación.

Asemade indicou que a pesar do informe negativo do Tribunal Supremo, considera que non haberá ningunha anulación, dado que o Executivo español “axustarase á legalidade e ofrecerá o que se pide, unha motivación individualizada dos indultos”. Non obstante, no que atinxe ás persoas exiliadas, como o ex presidente da Generalitat Carles Puigdemont, Iceta resolveu que teñen que ser xulgados e descartou a posibilidade dunha amnistía que as inclúa.

Comentarios