PP, Ciudadanos e Vox néganse a condenar o franquismo

A dereita non quere condenar o franquismo no pleno de Madrid e activistas da memoria histórica irrompen para pedir a dimisión do alcalde do PP por desmantelar o memorial do cemiterio da capital que lembraba as vítimas fuisiladas polos golpistas na Guerra Civil e os anos posteriores.
EuropaPress_2512810_Placas_con_nombres_de_fusilados_del_franquismo_retiradas_del_Memorial_del_Cementerio_de_la_Almudena (Imaxe: R. Silva / Europa Press)
photo_camera EuropaPress_2512810_Placas_con_nombres_de_fusilados_del_franquismo_retiradas_del_Memorial_del_Cementerio_de_la_Almudena (Imaxe: R. Silva / Europa Press)

"Xustiza", clamaron na terza feira, 25 de febreiro, membros da Plataforma en defensa do Memorial do cemiterio do Leste de Madrid, durante o desenvolvemento do pleno do concello da capital do Estado español. Ademais, tamén exixiron a dimisión do alcalde da cidade, o popular José Luis Martínez-Almeida. 

Activistas desta plataforma en defensa da memoria histórica irromperon mentres se desenvolvía o pleno municipal co obxectivo de denunciar o desmantelamento do memorial do cemiterio madrileño. Dos muros deste recinto, e por orde de Almeida, borráronse todos os nomes gravados  das persoas asasinadas polo franquismo desde o Golpe de Estado de 1936.

A iniciativa partira do anterior Goberno municipal da alcaldesa Manuela Carmena. Durante a protesta de onte no pleno lanzáronse pasquíns co poema do poeta Miguel Hernández, o cal vén de ser borrado do memorial tamén por orde do Goberno madrileño de coalición PP-Cs, sustentado pola ultradereita de Vox. 

No pleno de onte debateuse ademais unha proposición de condena do franquismo que,  pese á negativa de Ciudadanos, PP e Vox a apoiala, saíu adiante cos votos das formacións progresistas. 


 

Comentarios