Eleccións en Andalucía

O PP busca recuncar mentres Vox reclama unha coalición

A campaña electoral en Andalucía botou a andar, e o CIS corrobora até o de agora que a estratexia do PP de adiantar medio ano os comicios pode saírlle ben, aínda que os datos demoscópicos sitúanos aínda sen posibilidades de acceder á maioría absoluta, polo que precisarían o apoio de Vox.
Juanma Moreno (PP), Juan Espadas (PSOE) e Inma Nieto (Por Andalucía), Teresa Rodríguez (Adelante). (Fotos: Europa Press)
photo_camera Juanma Moreno (PP), Juan Espadas (PSOE) e Inma Nieto (Por Andalucía), Teresa Rodríguez (Adelante). (Fotos: Europa Press)

A campaña electoral dos comicios en Andalucía, que decorrerán o próximo 19 de xuño, xa está en marcha. Á medianoite, comezou unha carreira marcada polo intento de Juan Manuel Moreno Bonilla, do Partido Popular (PP), de buscar a reelección, unha posibilidade que as enquisas ven viábel máis que implicará un cambio do seu socio principal nesta lexislatura, Ciudadanos, por Vox.

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou esta quinta feira a súa enquisa preelectoral, na que reflexa a case completa absorción de Ciudadanos, que continúa en caída libre a nivel electoral, por parte do PP, que chegaría até 47-49 escanos, aínda lonxe dunha maioría absoluta fixada en 55 asentos.

O seu socio máis probábel, Vox, que clama a súa intención de entrar no Goberno andaluz, do mesmo xeito que aconteceu en Castela e León, subiría até 17-21 lexisladores liderado por Macarena Olona, mentres o Ciudadanos de Juan Marín quedaría reducido a 1-3 escanos.

Poucas posibilidades para o progresismo

Polo PSOE, Juan Espadas enfronta as súas primeiras eleccións con poucas posibilidades, segundo o CIS, de recuperar o poder para unha formación que dirixiu o territorio ininterrompidamente desde o final da ditadura até 2018; danlle entre 32 e 36 escanos, número semellantes aos dos anteriores comicios.

Con 9-10 representantes quedaría Por Andalucía, a coalición de forzas progresistas estivo marcada polos problemas á hora de rexistrar a candidatura, polo que Podemos tivo que unirse apoiando de maneira externa. A candidata é Inma Nieto, de Izquierda Unida.

Dous escanos é o que estima o CIS para Adelante Andalucía, a candidatura de Teresa Rodríguez participará finalmente nos debates tras a denuncia para excluíla de Por Andalucía.

Unha das sorpresas do estudo do CIS é que outorga posibilidades a Jaén se merece más, unha candidatura independente, de entrar cun parlamentario no lexislativo andaluz.

Comentarios