O PP busca recuncar e o bloque progresista dar a sorpresa

Punto e final á campaña electoral de Madrid, determinada polas ameazas a dirixentes públicos, sobre todo do Goberno español. Hoxe, as formacións do bloque progresista tentan impedir o acceso ao Executivo rexional da extrema dereita, despois da predisposición do Partido Popular de contar con Vox para gobernar até 2023.
Mónica García no feche de campaña de Más Madrid, que, segundo as enquisas, pode superar o PSOE. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Mónica García no feche de campaña de Más Madrid, que, segundo as enquisas, pode superar o PSOE. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Esta cuarta feira ás 9 da mañá abren as urnas para que máis de cinco millóns de persoas poidan exercer o dereito ao voto nas eleccións anticipadas na Comunidade de Madrid, convocadas no comezo de marzo despois da intención de Ciudadanos -segundo o PP- de presentar unha moción de censura emulando a de Murcia.

Esa convocatoria tivo que ser confirmada nos tribunais polas mocións de censura que se presentaron simultaneamente, e coas enquisas na man, vai rematar coa presenza de C’s no parlamento rexional só seis anos despois da súa saída de Catalunya, en liña coa caída electoral que viviu a formación desde os últimos meses de 2019.

Maila que a partir de mañá se vai estabelecer unha lexislatura que apenas vai chegar aos dous anos de vida (sexa como for en 2023 ten que haber eleccións ordinarias de novo), para o PP esta campaña constituíu a oportunidade de confrontar a Pedro Sánchez, presidente do Estado, e soñar con replicar a nivel estatal os resultados e a influencia que na rexión semellan garantidos co liderado indiscutido de Ayuso, do que non goza Pablo Casado na organización estatal.

Certamente, se PP e Vox chegan aos 69 escanos a candidata popular vai recuncar na Presidencia, despois de deixar claro desde o principio da campaña que non lle importaría “ter xestores” de Vox no seu Executivo.

Para o bloque progresista, esta campaña, marcada polas ameazas a distintos personaxes públicos e pola polarización co Estado pretendida por Ayuso, é a oportunidade de rematar con 26 anos seguidos de Goberno da dereita na Comunidade de Madrid, utilizado como un escaparate das políticas máis neoliberais.

Nas últimas dúas semanas Ángel Gabilondo (PSOE), Mónica García (Más Madrid) e Pablo Iglesias (Unidas Podemos), uníronse baixo o paraugas de evitar a entrada da extrema dereita no Goberno rexional. Aínda que, segundo as enquisas, contan con menos posibilidades que PP e Vox de atinxir a maioría absoluta, confían nas 600.000 persoas que se calcula aínda non decidiron o seu voto.

Con Vox ou co apoio de Vox,  esa é a cuestión para Díaz Ayuso

As enquisas danlle máis posibilidades a PP e Vox que ao bloque progresista de ter apoios dabondo para formar un Goberno, cun grande aumento do PP. Iso si, aínda que Ayuso semella que vai absorber a práctica totalidade dos sufraxios a C's, recuperando a primeira praza para o PP e superando os 30 escanos que obtivo en 2019, nin un só estudo demoscópico lle abre a porta á maioría absoluta, polo que dependería da extrema dereita de Vox para continuar gobernando até 2023.

Contra esta situación vén advertindo o bloque progresista ao longo da campaña, comprometido coa idea de desenvolver un cordón sanitario arredor de Vox, do mesmo modo que xa acontece en Catalunya. Horas antes do final da campaña, Pedro Sánchez sinalaba que "pode ser o principio da fin da democracia".

Comentarios