O PP aumenta o ton bronco contra Sánchez no Congreso

O PP e Vox votan contra a convalidación do decreto de medidas urxentes en materia de protección e asistencia ás vítimas de violencia de xénero ante a crise do coronavirus.
Pedro Sánchez dirixíndose onte a Pablo Casado na Cámara Baixa.
photo_camera Pedro Sánchez dirixíndose onte a Pablo Casado na Cámara Baixa.

A sesión de control ao Goberno estatal decorrida esta quinta feira, 29 de abril, no Congreso amosou o recruecemento do ton da dereita española contra o Executivo de coalición que lidera Pedro Sánchez. O líder do Partido Popular, Pablo Casado, inculpou a Sánchez de "mentir" á cidadanía e de "facer o ridículo", e prognosticou que tanto el como o vicepresidente Pablo Iglesias "afundirán España". 

O Goberno mentiu, dixo Casado, cando se animou á poboación a participar das mobilizacións do 8-M e acusouno de promover "compras fraudulentas a intermediarios socialistas" de material sanitario. Tamén acusou Casado a Sánchez de non estar a defender o rei Felipe VI e a "liberdade de expresión". 

O mandatario español respondeu ao líder do PP culpándoo de ocupar todo o seu tempo en "criticar o Goberno e non en ver as medidas que o Executivo impulsa", e advertiu a Casado de que "os pactos para a reconstrución non se desenvolverán en base ás políticas que se levaron a cabo en anteriores crises. Esta crise non vai servir como escusa para abandonar a axenda de transición ecolóxica nin para recortar o Estado de benestar", aseverou Sánchez. 

Violencia machista

O PP sumou os seus escanos aos de Vox para votar contra a convalidación do decreto de medidas urxentes en materia de protección e asistencia ás vítimas de violencia de xénero ante a crise do coronavirus, e que xa fora aprobado polo Consello de Ministras a comezos de abril e, por tanto, en vigor desde esa data. O decreto saíu adiante cos 209 votos a favor dos partidos que conforman o Goberno, do BNG, PNV, Esquerra, Bildu, Junts ou Ciudadanos.

ERC denuncia falta de diálogo do Goberno

O plan de desconfinamento non convenceu a dereita mais tampouco as soberanistas, que criticaron que se fixese en base a unidades territoriais inapropiadas como as provincias e que non se deseñase contando cos Gobernos dos territorios. Nesa liña, o portavoz de ERC, Gabriel Rufián, acusou de falta de diálogo ao Executivo de Sánchez. De feito, por motivos como eses, Esquerra Republicana de Catalunya explicou que está máis perto de votar en contra de novas prórrogas do estado de alarma. O PNV tamén avisou que de as próximas medidas de Madrid facérense de costas ás Comunidades Autónomas, o seu apoio desaparecerá. 

Saída xusta á crise

“A crise social e económica desatada por esta emerxencia sanitaria non a poden pagar outra vez as mesmas, as traballadoras e traballadores e os pobos”, exhortou desde o atril do Congreso o deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego. Para o representante galego existen dúas alternativas de cara a obter e mobilizar os recursos económicos e financeiros necesarios para saír desta crise: “quitalos a quen menos ten pola vía de recortes, redución de salarios e prestacións sociais, privatizacións e socialización de perdas de grandes empresas; ou que os poña quen máis ten”, dixo.

Fronte ao que cualificou como ausencia de propostas de futuro por parte do Goberno estatal, Rego avanzou medidas que o BNG ve necesarias para afrontar a crise. A primeira defendida pasaría “por recuperar a totalidade do diñeiro do fondo de rescate bancario, máis de 60.000 millóns de euros”. O nacionalista tamén defendeu unha reforma tributaria para implantar unha fiscalidade "realmente progresiva e redistributiva” e estabelecer un imposto ás grandes fortunas e empresas.

Rego apostou pola nacionalización das grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, empezando polas que xa foron públicas e “que nunca deberon ser privatizadas” subliñou, e advertiu de que isto non se trataría de dedicar recursos públicos esenciais a resolver os problemas dunha empresa privada. Avogou, pois, polo control público das empresas que sexan nacionalizadas. Entre as medidas propostas polo BNG destacou tamén a redución urxente do gasto militar.

Rego manifestou que "unha verdadeira saída social e o impulso económico que permita desenvolver as inmensas potencialidades económicas da Galiza, pasa por que o noso país teña capacidade para decidir sobre os seus asuntos", polo que defendeu soberanía para a Galiza.

Comentarios