O PP ataca o Goberno Sánchez após transcender que Zapatero se viu con Otegi

O ex presidente do Goberno español mantivo un encontro co líder da esquerda abertzale no caserío Txillarre, de Elgoibar, xusto o lugar en que se desenvolveron as xa históricas conversas de Otegi co dirixente do PSOE vasco Jesús Eguiguren, claves no proceso político que levou á fin das actividades armadas de ETA. Zapatero e Otegi non se coñecían persoalmente.

otegi
photo_camera Otegi, á súa saída da prisión.

A información do encontro, en principio unha reunión de carácter privado, foi dada este domingo en primicía por El Correo Español. De acordo con Naiz, a conversa desenvolveuse en termos afábeis e non tivo como centro de gravidade o hipotético respaldo de EH Bildu aos orzamentos pactados polo PSOE con Podemos. Si terían falado, porén, sobre a monarquía española.

De acordo con El Correo Español, a reunión produciuse a instancias de Otegi, que quería coñecer o ex presidente español. A versión de Naiz é, en troca, distinta: tería sido Zapatero o interesado en visitar o caserío en que se produciron as decisivas conversas entre o líder abertzale e Jesús Eguiguren.

En todo caso, o PP aproveitou a conxuntura para dirixir a súa máis grosa municición dialéctica ao Goberno Sánchez. Pablo Casado saíu en tromba a dicer que Pedro Sánchez "por ficar no Goberno é capaz de negociar os Orzamentos Xerais do Estado con terroristas que non piden perdón ás vítimas, nin colaboran por esclarecer 376 asasinatos impunes. Exixo explicacións dunha reunión que ataca o Pacto Antiterrorista".

Comentarios