O PP acusa a Sánchez de ter un claro interese por “prexudicar” a Ayuso nas eleccións

A secretaria xeral do partido en Madrid, Ana Camíns, afirma nunha entrevista que teme que o presidente do Goberno do Estado español empregue os “tentáculos políticos e mediáticos” para afectar aos resultados electorais de Isabel Díaz Ayuso o 4 de maio.

A secretaria xeral do PP de Madrid, Ana Camíns. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A secretaria xeral do PP de Madrid, Ana Camíns. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O PP madrileño confesa estar convencido de que o líder do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, ten un interese en perseguir a xa ex presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Así o asegurou hoxe a secretaria xeral do partido nese territorio, Ana Camíns, que pensa que usará os “tentáculos políticos e mediáticos” de Moncloa para “prexudicar” a candidata nas eleccións do 4 de maio.

A representante da formación política acusou ao Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos de tentar “combater a boa xestión” da equipa de  Díaz Ayuso durante todo o tempo que leva activa a pandemia.

Desde o seu punto de vista, pódese agardar calquera cousa porque hai “unha clara intención de prexudicar” a súa compañeira.

“Aquí hai unha batalla que desde o principio están tentado combater, que é a batalla de relato e da boa xestión, porque calou e a xente viuno", lamentou, defendendo que a candidata do PP en Madrid foi a “primeira” en empregar a estratexia dos feches de centros de días para loitar contra o virus.

Por exemplo, pensa que haberá anuncios de “medidas en clave electoral” e afirma que no partido “o teñen asumido”. Mesmo criticou que as eleccións de maio coincidan cunha reunión do Consello de Ministras.

"Nada lles parou e agora mesmo nada lles vai a parar", afirmou a número dous dos populares madrileños, que considera que o Estado leva poñendo “paus nas rodas” á Comunidade de Madrid dous anos. Como contrapunto, sostén que despois de ter a Díaz Ayuso “na diana”, “é moi tarde para convencer aos madrileños de que quere algo bo para Madrid”.

“Os madrileños sentíronse moi sós por parte do Goberno de España este último ano de pandemia”, engadiu. De cara ao impacto que poida ter a pandemia no electorado, subliñou: “Preocúpanos que se utilicen os contaxios para meter medo como fixeron en Catalunya”.

Tal e como está o contexto político, Camíns non descarta que tamén poida haber un adianto dos comicios xerais. “O feito de que Pablo Iglesias se fose implicou un alivio e un desafogo ao PSOE porque estaba a ser un problema para eles”, reflexionou. Pero se hai adianto unha vez pasado ese episodio de despedida, se hai convocatoria ás urnas antes de tempo será “porque Pedro Sánchez pensa que lle van vir ben”.

Comentarios