Portugal vota hoxe sobre o dereito á eutanasia

O Conselho Nacional de Ética oponse aos proxectos da esquerda para despenalizar a morte asistida. 
Cinco partidos presentan proxectos para despenalizar a eutanasia (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Cinco partidos presentan proxectos para despenalizar a eutanasia (Imaxe: Europa Press)

O Parlamento da República portuguesa vota hoxe cinco proxectos de lei para despenalizar a eutanasia. Hai cinco propostas para regular a morte medicamente asistida: a do Partido Socialista (PS), do Bloco de Esquerda (BE), o partido dos Animais e a Natureza (PAN), os Verdes do PEV e a Iniciativa Liberal (IL).

As propostas destas formacións partillan os criterios que deben cumprir as persoas doentes e contemplan tamén o dereito á obxección de conciencia. As cuestións en que se diferencian radican no número de profesionais da medicina que deben avaliar a situación e vontade da persoa que demande a morte asistida, a cantidade de veces que se debe reiterar a petición, a obrigatoriedade de ser vista por un psiquiatra, o nome e a composición da comisión que fiscalice as solicitudes, o espazo onde se pode realizar a eutanasia e quen pode estar presente. 

O Conselho Nacional de Ética para as Ciências da Vida (CNECV) deu esta semana o seu parecer "ético desfavorável" nunha comunicación social onde emitiu aspectos sobre catro das cinco propostas que hoxe se debaten no Parlamento ao consideralas negativas para as persoas. O único documento sobre o que o Conselho non se pronunciou é o da Iniciativa Liberal.

As propostas a debate  "não constituem uma resposta eticamente aceitável para a salvaguarda dos direitos de todos/as e das decisões de cada um em final da vida, não considerando nem valorizando os diferentes princípios, direitos e interesses em presença, que devem ser protegidos e reafirmados". 

Outra das afrontas que as formacións en defensa da despenalización da eutanasia afrontan é a petición para realizar un referendo popular. A solicitude leva xa máis de 40 mil sinaturas, lánzaa a Federação pela Vida, e os seus rostros máis coñecidos son o antigo presidente da República Ramalho Eanes, a ex presidenta do conservador Partido Social Demócrata (PSD), Manuela Ferreira Leite; o politólogo Jaime Nogueira Pinto, a ex deputada do dereitista Partido do Centro Democrático e Social-Partido Popular (CDS-PP), Isabel Galriça Neto; o presidente da Caritas Eugénio Fonseca, o ex bastonário da Ordem dos Médicos Germano de Sousa e o relixioso e profesor de Filosofía Anselmo Borges.
Esta semana, o presidente da república, Marcelo Rebelo de Sousa, entrevistouse con representantes de distintas ordes e confesións relixiosas e que son contrarios á eutanasia. 

A ultradereitistas Chega, o CDS-PP e membros do PSD votarán en contra. Outros conservadores deste último partido estarán a favor, xunto aos partidos da esquerda. Prevese que os escanos comunistas do PCP voten contra a proposta asegurando que a vida e a morte son cuestións políticas e non individuais. 

Comentarios