Esixen implementar medidas transversais

Portugal rexistra 18 asasinatos machistas no que vai de ano

Otília Castro é a última vítima por feminicidio en Portugal. O seu compañeiro asasinouna o pasado domingo en Famalicão após ela ter apresentado denuncias por violencia machista. Van xa 18 feminicidios no que vai de ano. En 2018 rexistrouse un total de 28, oito máis que en 2017.

Acto contra a violencia machista
photo_camera Acto contra a violencia machista

A última muller asasinada vítima de violencia machista en Portugal é Otília Castro, de 56 anos, traballadora do sector téxtil. Castro puxera previamente ante a GNR denuncias contra o seu compañeiro, autor do feminicidio. Este suicidouse após acabar coa vida dela.

O corpo da muller foi encontrado en casa xa sen vida na mañá de domingo 18 de agosto e o do home aínda tiña sinais vitais e morreu na ambulancia após entrar en parada respiratoria. 

Co de Otília xa son 18 os asasinatos machistas producidos en Portugal no que vai de ano. En 2018 rexistráronse un total de 28, aumentando en oito a cifra de mulleres asasinadas a respeito a 2017.

A deputada do Bloco de Esquerda, Sandra Cunha, denunciou que a violencia machista seguirá a ser o crime que máis mata en Portugal “en canto non sexa encarada como problema transversal e estrutural da sociedade e en canto non mereza a coraxe de propostas políticas que alteren o paradigma”.

Para erradicar o feminicidio e garantir xustiza e protección das vítimas, esta formación política volveu reivindicar a implementación de medidas concretas como “educar para a igualdade de xénero, tirar o agresor de casa e non a vítima, mudar os procedementos relativos á proba e ao testemuño das vítimas, garantir a súa protección desde a primeira alerta e esixir a realización dos procesos con celeridade e que corran en tribunais específicos e con equipas especializadas”.

Comentarios