Portugal: PS gaña por terceira vez seguida as municipais mais perde Lisboa

Porto segue para Rui Moreira, mais perdeu a maioría absoluta.

antonio_guterres_portugal

A alta abstención marcou a xornada das ‘autárquicas’ (eleccións municipais) que decorreu en Portugal este domingo. Máis dun 46% dos portugueses e portuguesas con dereito a voto decidiron non exercelo. A segunda abstención máis alta rexistrada nos comicios locais.

O Partido Socialista (PS) foi o gañador en canto a total de votos, ao recibir máis de 1.600.000 votos, o 33% dos emitidos. Vai gobernar en 150 concellos e un dos 9 que perde é Lisboa, a capital. Unha coalición de até 6 formacións de dereita arrebatoulle a alcaldía lisboeta aos socialistas.

O PS acumula tres vitorias consecutivas nas eleccións locais. O reverso é que en cada unha delas perde votos e poder municipal. A dereita, pola súa parte, anda en 25% dos apoios entre as listas de PPD/PSD e as de PPD/PSD,CDS-PP. Sumaron máis dun millón cen mil votos.

A seguir, a coalición de comunistas (PCP) e Verdes, a CDU, cun 8,7% dos apoios e logrando 500 concelleiros e concelleiras. Non foi un bo resultado, como recoñeceu o secretario xeral comunista, Jerónimo de Sousa. A CDU é a forza predominante no distrito de Setúbal, onde ten 7 alcaldías por 6 dos socialistas.

A extrema dereita levou nos fociños e non pasou de 4% na súa primeira cita coas municipais, onde agardaba ser a terceira forza política. Malos resultados tamén para o Bloco de Esquerda, cun 3,5% dos apoios e apenas 93 concelleiros e concelleiras.

O secretario xeral do Partido Socialista e presidente do Goberno portugués, António Costa, puxera o ramo á campaña en Viseu, nun acto de apoio ao candidato socialista á Presidencia da Câmara Municipal, João Azevedo. Costa chamara a utilizar "a oportunidade única" que representa o Plano de Recuperação e Resiliência (PRR) para "fazer o que nunca foi feito" e "mudar estruturalmente" Portugal. “É preciso”, dixo Costa, “aproveitar o PRR com vontade de efectivamente mudar estruturalmente" o país.

Comentarios