Portugal compra 200.000 doses de AstraZeneca para doar aos países lusófonos

Hungría recibiu 365.000 euros pola venda e transporte dos antíxenos.
hungria-portugal
photo_camera Os ministro húngaro (esquerda) e portugués, en Lisboa, cos contedores coas vacinas (Foto: Negócios Estrangeiros / Twitter)

O ministro dos Negócios Estrangeiros de Portugal, Augusto Santos Silva, eloxiou o "espírito da cooperação europeia" que permitiu a Portugal comprar a Hungría 200.000 doses de vacinas contra a Covid-19 para reforzar a cooperación cos países lusófonos.

O acordo "mostra bem o espírito da cooperação europeia", sinalou desde a Base Aérea de Figo Maduro, en Lisboa, acompañado polo seu homólogo húngaro, Péter Szijjártó, que chegou nas últimas horas á capital portuguesa para unha visita de traballo.

Szijjártó aterrou arredor dunha horas despois de o facer un avión procedente de Budapest coas vacinas. "Nos termos deste acordo, Portugal adquire 200.000 doses de vacinas AstraZeneca à Hungria que serão usadas para reforçar as nossas doações de vacinas aos países africanos de língua portuguesa e a Timor-Leste", declarou Santos Silva.

O ministro recordou que o primeiro ministro, António Costa, anunciara na recente cimeira da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) que Portugal tiña previsto triplicar as doazóns de vacinas a estes países.

"Isto significa doar três milhões de vacinas e, para isso, temos em conta não só as contratações directas que fizemos de vacinas, mas também as compras que podemos fazer a outros países Estados-membros da União Europeia", precisou Santos Silva.

Até 20 de xullo, Portugal cedera 196.000 doses de vacinas contra a Covid-19 a Países Africanos de Língua Oficial Portuguesa (Palop) e a Timor-Leste.

Szijjártó destacou que o acordo con Portugal se alcanzou "hai menos de tres semanas" e que a entrega se fixo tras recibir a autorización da Comisión Europea. O pago pola compra e transporte das vacinas foi de 365.000 euros.

"Estratexia diferente"

Por outra banda, defendeu a "estratexia diferente doutros países da UE" levada por Hungría, que incluíu a adquisición de vacinas a farmacéuticas occidentais, mais tamén ─malia non ter a aprobación da EMA─ de Rusia e China.

Szijjártó sostivo que esta estratexia fai de Hungría "un dos países mais seguros da Unión en termos de saúde", e que dispón vacinas suficientes para axudar outros países. Até agora, dixo, Budapest vendeu ou doou mais de 1,3 millóns de doses a oito Estados, incluíndo o portugués.

Portugal, cunha poboación de 10,1 millóns de persoas acumula desde o inicio da pandemia 955.000 casos e 17.307 mortes, con 53% dos habitantes totalmente vacinados. Hungría, cunha poboación de 9,6 millóns de persoas, suma 810.000 contaxios e 30.000 mortes, e ten 55,3% dos habitantes coa pauta completa. 

Comentarios