Portugal arreponse ás ameazas dos EUA

Washington matizou as palabras do seu embaixador en Lisboa criticando as relacións comerciais coa China. Con todo, mantén a presión para que Huawei non entre no desenvolvemento da 5G en Europa.  
china-portugal-xinhua
photo_camera O presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, visitou a China o ano pasado. Na imaxe, en Macau, co seu homólogo chinés, Xi Jinping (Xinhua)

"Em Portugal as decisões são tomadas pelas autoridades portuguesas competentes", afirmaba Augusto Santos Silva, ministro de Exteriores do país luso. Idénticas palabras usaba o presidente, Marcelo Rebelo de Sousa: "em Portugal, quem decide acerca dos seus destinos são os representantes escolhidos pelos portugueses". 

Os dous dirixentes políticos contestaban desta maneira ás declaracións do embaixador estadounidense en Lisboa, George Glass, que no semanario sabatino Expresso afirmaba que "Portugal tem de escolher agora entre os aliados e os chineses".

Facíao nunha entrevista publicada a semana pasada, onde ameazaba coa posibilidade de os Estados Unidos mudaren a relación con Portugal en materia de seguridade e Defensa no caso de Huawei, a empresa tecnolóxica multinacional chinesa, entrar na rede 5G. 

Ademais, tamén facía referencia ao concurso sobre a construción e xestión do novo terminal do porto de Sines, instalación situada ao sur de Lisboa, principal porta de entrada de abastecemento enerxético de Portugal. 

"Acho que tem de comprometer. Se fosse para os chineses, afectava a nossa visão daquilo que Sines se pode tornar. Vimos no passado que, se os operadores forem chineses, eles têm a capacidade de negar acesso a navios norte-americanos. Isso não pode acontecer. Sobretudo se pensarmos em Portugal como centro de distribuição de gás e da segurança energética europeia", dicía.

Rectificación do enviado

A pesar destas ameazas, na propia entrevista ao Expresso o embaixador remitía a unha posterior viaxe a Portugal do subsecretario do Departamento de Estado para o Crecemento Económico, Enerxía e Ambiente, Keith Krach, a respecto de máis esclarecementos sobre estas cuestións. A visita produciuse finalmente esta semana, na quinta feira, no marco dun periplo que o está a levar por até oito países europeos.

De acordo coa súa axenda, Krach estase a reunir tanto con altos funcionarios dos Gobernos de cada país como da UE e da OTAN, así como con presidentes executivos do sector privado. O motivo oficial é discutir o programa clean network (sistema de control de contidos na internet impulsado polo Goberno de Donald Trump similar ao que xa opera na China) e a seguridade do 5G. Tamén, os obxectivos económicos e de seguridade nacional comúns ─incluíndo a protección da privacidade de datos e da propiedade intelectual de "actores malignos"─ e a "promoción dos dereitos humanos".

Nunha entrevista en Lisboa á axencia Lusa, Krach emendou as palabras do embaixador: "Respeitamos o direito de Portugal tomar as suas próprias decisões". E cuestionado sobre se a relación comercial de empresas portuguesas e chinesas coloca en perigo a alianza de Lisboa con Washington, afirmou que "não estamos a pedir a ninguém para desacoplar ou algo assim".

Con todo, recoñeceu a preocupación a respecto da seguridade.  "Da perspetiva da OTAN [onde estivo na cuarta feira], o 5G é fundamental, seja em tempos de paz ou de guerra", dixo, mais asegurou estar "muito contente por ver, pelo menos da parte das autoridades governamentais e dos presidentes executivos com quem conversei, que entendem que o Partido Comunista chinês é uma ameaça real e urgente para as democracias em todo o mundo".

Comentarios