Porto Rico, á sombra dos Estados Unidos

A gobernadora de Porto Rico, Estado libre asociado dos Estados Unidos que atravesa unha complicada situación económica agravada pola pandemia, anunciou a convocatoria dun novo plebiscito cunha pregunta directa: "Debe Porto Rico ser admitido inmediatamente dentro da Unión como un Estado?".
2020052115015434048
photo_camera Participantes no desfile do Día de Porto Rico, na cidade de Nova York, no 9 de xuño do ano pasado (Natan Dvir / Polaris)

O pasado verán, o Comité Especial de Descolonización da ONU recoñeceu o dereito inalienábel de Porto Rico á independencia. En concreto, aprobou exhortar o Goberno dos Estados Unidos a promover un proceso que lle permita, de forma soberana, tomar decisións para atender as súas urxentes necesidades económicas e sociais, incluídas o desemprego, a marxinación, a insolvencia, a pobreza e os problemas relativos á educación e á saúde.

Non foi unha gran novidade. O texto sumábase ás 37 resolucións e decisións sobre Porto Rico adoptadas por este Comité desde 1972 e desbotadas unha e outra vez por Washington. Estas 38 resolucións baséanse no dereito internacional que emana da resolución 1514 da Asemblea Xeral da ONU, que versa sobre a independencia dos países e pobos coloniais.

Aprobada no 14 de decembro de 1960, recibiu o voto a favor de 89 Estados e ningún en contra. Nove abstivéronse: Australia, Bélxica, España, EUA, Francia, Portugal, Reino Unido e República Dominicana. Excepto este último, gobernado na altura polo ditador Trujillo ─asasinado meses despois─, o resto eran potencias coloniais.

Tampouco resulta unha gran novidade o anuncio realizado na fin de semana pola gobernadora Wanda Vázquez de convocar un referendo non vinculante para decidir se a illa debe converterse nun Estado estadounidense de pleno dereito. Vázquez pertence ao Partido Novo Progresista (PNP), formación da dereita política que avoga pola anexión dos EUA. Paso que debe ser referendado polo Congreso federal.

Porto Rico mantense como un dos territorios non incorporados dos EUA e un dos dous Estados libres asociados ─canda as Illas Marianas─ con status de autogoberno. O pobo boricua, na actualidade de 3,2 millóns de habitantes, nunca exerceu a soberanía como un Estado moderno. Desde finais do século XV fixo parte do Reino de España, e a partir de 1898 pasou a estar subordinado aos EUA. O actual statu quo é defendido polo principal partido da oposición, de centro liberal, o Partido Popular Democrático (PPD).

"Corrupción e ineptitude"

Os portorriqueños son cidadáns estadounidenses, mais non poden votar nas eleccións presidenciais. Precisamente é nese 3 de novembro, coincidindo tamén cos comicios lexislativos na illa caribeña, que se pretende realizar o plebiscito. Será o sexto en pouco máis de medio século, desde que en 1967 se desenvolvese o primeiro. Nos dous últimos, en 2012 e 2017, a opción da estatalidade impúxose con gran marxe, aínda que co boicot dos partidos da oposición e do independentismo (hai tres anos, a participación foi de 23%).

O Partido Independentista Portorriqueño (PIP) mostrou o rexeitamento á nova consulta, que terá unha pregunta simple: "Debe Porto Rico ser admitido inmediatamente dentro da Unión como un Estado?". Porén, o seu secretario xeral, Juan Dalmau Ramírez, anunciou que defenderán o 'Non'. 

"O PNP usa o plebiscito como un engano para tentar mobilizar electores anexionistas que senten vergoña do partido, que non están motivados a saíren a votar [nas lexislativas] pola indignación que lles provoca a corrupción, a ineptitude e a mala administración", afirmou o líder desta formación socialdemócrata. "Fago un chamamento a todas e todos os que senten orgullo da nosa identidade e da patria deles e que son portorriqueños sempre, a votar 'Non' no plebiscito", subliñou Ramírez.

Pobreza en aumento

Ora como Estado soberano, ora como Estado número 51º dos EUA, o limbo actual non está a axudar ao benestar económico. Segundo a última resolución da ONU "a presente subordinación política do pobo portorriqueño impide a toma de decisións soberanas a respecto da crise humanitaria resultante dos efectos dos furacáns Irma e María". E sostén que "provocou o aumento do nivel de pobreza de 45% até arredor de 60% da poboación".

O Comité Especial de Descolonización tamén destacou que a coñecida como Xunta de Supervisión Fiscal, designada polo presidente dos Estados Unidos, exerce poderes de control plenarios sobre os funcionarios executivos e lexislativos electos do Goberno de Porto Rico en todo asunto relativo a temas fiscais, económicos e orzamentarios, así como en todo o concernente á reestruturación da débeda pública, "agravando a situación colonial do país".

Por último, expresou a preocupación polas accións contra independentistas e exixiu unha investigación rigorosa.

"Goberno de merda"

"O noso pobo terá a oportunidade de, dunha vez por todas, definir o seu futuro", declarou unha Wanda Vázquez cada vez máis cuestionada tras o anuncio da convocatoria, e engadiu: "Nunca é demasiado tarde para sermos tratados como iguais".  

Ante a situación socioeconómica que vive o país ─desnutrición infantil incluída─ e agravada pola pandemia, a convocatoria recibiu unha contundente resposta por parte dunha das figuras máis respectadas ─e odiadas asemade─ en Porto Rico, o rapeiro Residente, do grupo Calle 13, que na súa conta do Twitter escribiu: "O Goberno de Porto Rico debería ter estas opcións no plebiscito a ver cal gaña. A opción de que quede o Goberno de merda e a outra opción de que arranque pro carallo o Goberno de merda. Creo que sería unha vitoria unánime".

Na retina dos boricuas aínda permanecen as imaxes de Donald Trump que, en outubro de 2017, tras os furacáns Irma e María que arrasaron a illa, chegou a Porto Rico para visitar as zonas afectadas. Nun almacén con produtos de primeira necesidade para entregar ás persoas damnificadas, o presidente comezou a tirar rolos de papel hixiénico á xente.

Comentarios