A portavoz de Junts afea a Felipe VI ter actuado como "actor político" no conflito con Catalunya

Entrou en política despois do 1 de Outubro: "Fomos violentamente reprimidos por ter votado". Entrou en política para defender os dereitos dos presos independentistas. Laura Borràs entrevistouse esta quinta feira co xefe do estado español, Felipe VI, na rolda de contactos previa á designación dun candidato á presidencia do Goberno español, rol que con toda seguridade recaerá en Pedro Sänchez. Borràs foi a La Zarzuela após o Tribunal Supremo negar o permiso preceptivo para acudir a esta audiencia co monarca a Jordi Sànchez, encarcerado en Lledoners.

 

 

La portaveu de JxCAT al Congr..s, Laura Borr..s, aquest 6/5/2019 amb el rei Felip VI a La Zarzuela (horitzontal)
photo_camera Un momento da audiencia na Zarzuela

"Mirei para os ollos do monarca español para lle dicir o que nunca ouviu dunha muller catalá, xa que no seu momento se negou a reunirse con Carme Forcadell [ex presidenta do Parlament, na actualidade presa política]. Así relatou Laura Borràs o seu encontro con Felipe VI. A portavoz soberanista, independente nas filas de Junts per Catalunya, reprochou ao monarca o seu activo papel na ofensiva do Estado contra o movemento independentista. "Os cataláns non temos rei, mais acudimos a La Zarzuela porque Felipe VI se manifestou como un actor político relevante após o 1 de outubro [data de realización do referendo]".

Para Borràs, Felipe VI actuou como un axente político póndose en fronte de no mínimo 50 por cento da poboación catalá. "O seu discurso do 3 de outubro —día de greve xeral en Catalunya contra a violencia desatada polas cargas policiais durante o referendo— foi un discurso de parte e fixo que moitas persoas no noso país, mesmo monárquicas e non independentistas, sentisen que o rei tomaba partido", no canto de exercer o seu papel constitucional como árbitro moderador.

A portavoz de Junts afirmou que durante a audiencia actuou en todo momento como representante de quen considera lexítimo portavoz de Junts no Congreso, Jordi Sànchez, até o punto de que lle entregou ao monarca en man unha carta privada que lle remitía o preso político. A misiva recolleuna esta cuarta feira en Lledoners, onde mantivo un encontro con Sànchez. En principio non está previsto que se faga público o seu contido.

A perguntas dos medios, Borràs reiterou que os deputados presos non van renunciar á súa acta de parlamentares. Este feito ten unha consecuencia non menor: a efectos prácticos o grupo parlamentar de JxCat pasa de 7 a 4 escanos e, por tanto, perde forza á horade entrar en operacións aritméticas na investidura de Sánchez. "Eles [os deputados] xa dixeron que non estaban dispostos a renunciar á súa acta porque non se presentaron ás eleccións como un xesto simbólico [tiñan intención de tomar posesión efectiva do escano] e nós non temos autoridade moral para pedirlles que anticipen os efectos dunha sentenza que eventualmente os inhabilite", dixo.

Comentarios