A intervención da portavoz parlamentaria de EH Bildu, Mertxe Aizpurua, foi recibida este domingo na segunda sesión do Pleno de investidura do candidato socialista, Pedro Sánchez, con berros de "asasinos" e "terroristas".
Practicamente desde que subiu á tribuna, desde a bancada da dereita, onde se atopan situados os representantes de PP, Vox e Ciudadanos, comezouse a interromper á dirixente de Bildu. A primeira vez foi cando estaba a criticar o discurso do Rei após o referendo do 1 de outubro de 2017.
Nese momento, escoitáronse no Congreso berros de "asasinos" desde os escanos da dereita do hemiciclo e mesmo tamén se puido escoitar un "viva o Rei".
O primeiro cualificativo non pasou desapercibido para a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, que tivo que intervir en diversas ocasións para pedir ás súas señorías que gardasen silencio e que respectasen á deputada que estaba no uso da palabra.
A deputada vasca advertiu a Sánchez de que depende dos seus votos para sacar as súas políticas adiante ou para manter o Goberno de Navarra e esixiulle "un cambio en profundidade" para contar con eles. "Vostedes son o último tren cara á última estación, non deixen pasar a última oportunidade", engadiu.
Así mesmo, Aizpurua reclamou ao candidato socialista "democratizar o Estado, respectar o seu carácter plurinacional, o dereito de autodeterminación e repartir a riqueza" se quere manter o apoio de EH Bildu.
Aizpurua xa era deputada na lexislatura anterior, aínda que é a primeira vez que Bildu logra grupo parlamentario propio ao sumar cinco deputados e superar o 15% dos votos en Euskadi e Navarra.