Pólvora, sangue e dor no adeus de EUA a Afganistán

A presenza dos EUA no Afganistán chega hoxe ao seu fin. Polo menos militarmente, xa que a presión aumenta para que os talibán sexan recoñecidos diplomaticamente. A saída, porén, deixa un regueiro de sangue: tras o letal ataque suicida da semana pasada, EUA evitou novos masacres, mais pagando un prezo moi alto. Impagábel.
EuropaPress_3904928_29_august_2021_us_dover_coffins_of_the_us_soldiers_killed_in_kabul_are_seen
photo_camera Cadaleitos dos 13 militares dos EUA falecidos na quinta feira (Foto: Jason Minto / US Air / Planet Pix)

O dispositivo de defensa antimísiles do Exército estadounidense interceptou onte até cinco proxectís lanzados contra o aeroporto de Kabul, segundo a información facilitada polas autoridades do país norteamericano. A lanzadeira estaba instalada nun vehículo, detallou axencia de noticias afgá Pajhwok. ISIS-K, a filial de Estado Islámico no Afganistán, reivindicou a acción, sen vítimas. 

Onde si as houbo foi no ataque con dron efectuado o domingo por EUA contra o coche duns supostos atacantes suicidas do ISIS-K que, de acordo cos datos manexados polos servizos de intelixencia, pretendían facelo estourar no aeroporto da capital.

O Centcom (o equivalente ao Estado Maior de Defensa que Washington ten para a rexión) asegurou ser consciente de "informes de baixas civís" provocadas polo ataque con dron. Segundo declarou onte o portavoz dos talibán Zabihullah Mujahid á canle de TV estatal chinesa CGTN, serían sete as persoas falecidas neste ataque.

Testemuños recollidos por Al Jazeera aseguraron que serían polo menos tres as crianzas que perderon a vida, aínda que outros medios como a estadounidense CNN elevan a cifra de civís mortos a nove membros da mesma familia, incluídos seis menores. No barrio onde se produciu o ataque reinaba a dor, a desolación e a ira, segundo a canle de TV árabe .

O portavoz talibán criticou e condenou os EUA por levar este tipo de accións nun país estranxeiro, algo "ilegal". O grupo islamista xa cargara contra Washington na fin de semana, tras o primeiro ataque con dron contra Estado Islámico. Nel, segundo Mujahid, resultaron feridas dúas mulleres e unha crianza.

O ataque con dron do domingo produciuse despois de se detectar varias persoas cargando explosivos no maleteiro dun coche. O Centcom argumentou que o proxectil estadounindense contra o vehículo derivou noutras explosións a seguir, que foron as que provocaron as vítimas civís.

"Garantías" dos talibán

Mentres, a retirada das tropas estadounidenses é inminente. Despois de 20 anos da invasión do Afganistán como resposta aos ataques do 11 de setembro de 2001, hoxe remata o prazo acordado para a saída definitiva. Case 115.000 persoas, entre estranxeiros e afgáns "en risco" de seren vítimas de represalias, foron evacuadas desde o pasado 14 de agosto, véspera da conquista talibán de Kabul.

Un cento de Estados, entre os que están EUA, Alemaña, Reino Unido, Xapón, Francia, Marrocos, España, Australia ou Exipto, emitiron un comunicado conxunto este domingo asegurando que recibiran garantías dos talibán de que a cidadanía afgá que desexe abandonar o país recibirá paso seguro alén de hoxe.

Neste sentido, onte estaba prevista a aprobación dunha resolución no Consello de Seguridade da ONU ─a proposta de Francia, Alemaña e o Reino Unido─ para que se estabeleza unha zona de seguridade en Kabul que permita á cidadanía afgá saír do país se así o desexa. 

Porén, son moitas as persoas que permanecen encerradas nas súas casas desde o 15 de agosto ante as noticias de malleiras e execucións sumarias levadas a cabo por milicianos talibán en diferentes provincias afgás.

China, EUA e o futuro

No Consello de Seguridade da ONU son membros permanentes, con dereito a veto, EUA, Francia, Reino Unido, Rusia e China. A estes dous últimos apelou Alemaña. O ministro de Exteriores xermano, Heiko Maas, de viaxe oficial aos países veciños do Afganistán, asegurou que é imprescindíbel que Moscova e Beijing se involucren para garantir a seguridade da cidadanía afgá baixo o Goberno talibán, recolleu a axencia alemá DPA.

Rusia e China ─ao contrario que EUA, Francia e Reino Unido─ manterán operativas as súas embaixadas en Kabul. O ministro de Exteriores chinés, Wang Yi, mantivo o domingo unha conversa telefónica co seu homólogo estadounidense, Anthony Blinken. Nela, Beijing pediu a Washington colaboración cos talibán de forma económica e humanitaria, para manter a estabilidade social.

"Respectando a soberanía do Afganistán, os EUA deberían levar a cabo accións concretas para axudar o Afganistán a combater o terrorismo e frear a violencia", sinalou Wang, engadindo que unha "saída apresurada" podería facilitar que os "grupos terroristas" se reagrupasen e "regresasen máis fortes".

Wang recibiu o mes pasado na China a Mullah Baradar, líder político dos talibán. Beijing aspira a explotar os recursos naturais e minerais do Afganistán. Tamén, a lograr que o país non sirva de refuxio para os independentistas uighur, a minoría musulmá maioritaria na provincia chinesa limítrofe de Xinjiang.

Nos EUA, pola súa banda, un dos argumentos máis repetidos por parte de membros do Goberno é que a retirada permitirá liberar tempo e recursos a nivel político e militar para centrarse na "ameaza" da China, prioridade en política exterior para o presidente estadounidense, Joe Biden. 

Agora comeza unha crise "aínda maior"

Coa evacuación a piques de rematar en Kabul, o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur), Filippo Grandi, advertiu de que "unha crise aínda maior está a comezar", temendo pola situación de millóns de afgáns cando "as imaxes desaparezan das nosas pantallas". Chamou a actuar e a incrementar os fondos de axuda, "insuficientes", para evitar unha crise que Acnur tamén teme que sexa de refuxiados. Grandi ve "inevitábel" que haxa persoas que busquen seguridade fóra do Afganistán e para eles pediu que se garanta a "protección internacional". É dicir, que as fronteiras continúen abertas. Tras a conquista talibán, a axencia da ONU xa manifestara que o país non é seguro, polo que non hai xustificación para que se dean deportacións de persoas refuxiadas. Neste sentido, Grandi tamén pediu "un apoio maior" para países veciños como o Irán ou o Paquistán.

Comentarios