Polo menos 15 persoas perderon a vida en dous atentados en Somalia

As autoridades somalís sinalan como responsábel á organización xihadista Al Shabaab.
Vehículos destrozados nun atentado en Somalia no pasado mes de outubro (Foto: Hassan Bashi / Xinhua News / Contacto Photo).
photo_camera Vehículos destrozados nun atentado en Somalia no pasado mes de outubro (Foto: Hassan Bashi / Xinhua News / Contacto Photo).

Polo menos 15 persoas morreron e máis de 50 resultaron feridas en dous atentados ocorridos durante as últimas horas perto de bases da Unión Africana no Estado somalí de Hirshabelle, no centro do país.

O primeiro ataque tivo lugar na cidade de Bulobarde, onde un terrorista ao volante dun coche bomba matou once persoas e feriu outro medio centenar, segundo confirmaron fontes médicas á filial somalí da emisora internacional estadounidense Voice of America.

As forzas de seguridade identificaron o vehículo e abriron fogo contra o condutor, mais finalmente a carga acabou estalando perto dunha comisaría e unha base das forzas da Unión Africana, a maioría de Xibutí.

Non se decarta que as vítimas mortais poidan aumentar nas próximas horas e días, pois unha trintena das persoas feridas atópanse en estado crítico, segundo informou o doutor local Yusuf Isaq Mumin.

Outro coche bomba que estalou perto de un posto militar na cidade de Jalalaqsi deixou polo menos catro persoas falecidas máis, segundo confirmou o ex comisario do distrito Mire Husein Siyad, que foi testemuña da explosión.

Até o momento ningún grupo se responsabilizou dos ataques mais as autoridades somalís sinalan "sen xénero de dúbidas" á organización xihadista Al Shabaab.

Esta organización é agora mesmo obxectivo dunha das maiores ofensivas militares dos últimos anos por parte das forzas de seguridade somalís.

Como no atentado previo, o posto de control atopábase preto de outra base de soldados da Unión Africana procedentes na súa maioría de Xíbuti.

Comentarios