A política migratoria da UE, "culpábel" do lume en Moria

Na quinta feira, os miles de residentes do campo pasaron a noite ao raso. Agora o Goberno de Grecia, a Comisión Europea e as Nacións Unidas tentan buscar unha solución definitiva para as 12.000 persoas que habitaban Moria, deseñado para acoller 2.500.
EuropaPress_3308127_10_september_2020_greece_moria_members_of_migrant_family_stand_with_their (1)
photo_camera Familia de migrantes coas súas pertenzas, no campo destruído (Socrates Baltagiannis / dpa)

A experta en desprazamentos de Médicos Sen Fronteiras (MSF) Aurelie Ponthieu denunciou onte que "o sufrimento e a violencia provocados polas políticas migratorias europeas e gregas son os verdadeiros culpábeis do incendio" que na madrugada da cuarta feira arrasou o campamento de refuxiados de Moria, na illa de Lesbos, en Grecia. "Agardamos que das cinzas deste lume non renaza o mesmo sistema inhumano de contención que estaba vixente até agora en Moria", reclamou Ponthieu.

Á incerteza asociada a vivir en Moria, sen perspectiva de saída a curto prazo, sumáronse tamén nestes últimos meses as restricións derivadas da pandemia da Covid-19, levadas ao extremo nesta última semana tras a confirmación de máis dunha trintena de contaxios.

"Como poden as autoridades manter confinadas en condicións inhumanas 12.000 persoas e dicirlles, ao mesmo tempo, que teñen que respectar o distanciamento físico e que teñen que facer cola mesmo para recibir un pouco de comida todos os días?", preguntouse a membro de MSF, que engadiu: "Como poden esperar que confíen neles cando estabelecen restricións de movemento totalmente extremas a todos os habitantes do campo usando o pretexto da Covid-19?".

Noite ao raso

Onte, os miles de residentes do campo pasaron a noite ao raso. Agora o Goberno de Grecia, a Comisión Europea e as Nacións Unidas tentan buscar unha solución definitiva para as 12.000 persoas que habitaban Moria, deseñado para acoller 2.500.

O Goberno de Kiriakos Mitsotakis declarou o estado de urxencia en toda a illa de Lesbos durante catro meses e a vixilancia policial reforzouse nas inmediacións de Moria para impedir contactos entre a poboación local e os migrantes e evitar novos altercados, segundo a cadea ERT.

Delegacións do Executivo grego e da Comisión Europea anunciaron senllas visitas á zona para analizar o ocorrido desde a 'zona cero'. Hai uns 4.000 menores en Moria, e destes, 406 están sós. O Goberno grego e a Organización Internacional das Migracións, co apoio da Comisión Europea, xestionaron a evacuación onte á zona continental do país en tres voos.

Tamén, negociouse cunha empresa privada habilitar un ferry con capacidade para unhas 1.000 persoas, aquelas consideradas máis vulnerábeis.

Comentarios