A política do medo mingua dereitos en Europa

O Relatorio Mundial 2016 editado por Human Rights Watch advirte das reducións das "proteccións aos dereitos humanos" que están a aplicar os "gobernos occidentais". 

photo_camera [Imaxe de arquivo]

A organización Human Rights Watch vén de publicar o seu Relatorio Mundial 2016. Un iforme de 659 páxinas no que se avalían as prácticas de dereitos humanos en máis de 90 países de todo o mundo, entre eles os da Unión Europea. 

Nesta 26ª edición o director executivo de HRW advirte das reducións na protección dos dereitos humanos que resulta das "medidas de seguridade" aplicadas polos "gobernos occidentais" ao fío da crise de persoas refuxiadas e de acontecementos como os asasinatos na Charlie Hebdo ou na Sala Bataclán, en París. 

"O medo de ataques terroristas e o fluxo masivo de refuxiados están levando moitos gobernos occidentais a reduciren as proteccións aos dereitos humanos", sinalou Ken Roth. Esas medidas que califica como "retrógradas" supoñen unha ameaza "aos dereitos de todos, sen calquera demostración de eficacia en protexer as persoas comúns", acrecenta. 

Estados membros da Unión Europea como Franza ou mesmo o Estado español desenvolveron mudanzas lexislativas nos últimos anos que, segundo o informe de Human Rights Watch, están a facer recuar o respeito polos dereitos humanos. 

Seguridade

Neste senso sitúase a ampliación durante 3 meses do estado de emerxencia aprobada polo goberno de François Hollande após os atentados do 13 de novembro en París coa que se  prolongou a prisión preventiva durante aquelas persoas sobre as que existisen sospeitas de que puidesen supor unha ameaza á seguridade ou mesmo a autorización para que a policía levase a cabo rexistros sen contar con orde xudicial. 

"O medo de ataques terroristas e o fluxo masivo de refuxiados están levando moitos gobernos occidentais a reduciren as proteccións aos dereitos humanos"

No caso do Estado español, o Partido Popular e o PSOE pactarían a raíz dos acontecementos da Sala Bataclán unha reforma do Código Penal en materia de 'terrorismo' que inclúe a introdución de novos delitos considerados terroristas como os de "captación, adoutrinamento e adestramento". 

Para Human Rights Watch estas medidas "erguen preocupacións" polas limitacións que supón ao dereito de libre circulación, organización e de expresión. Aliás, denuncia prácticas policiais que basean a detención en cuestións raciais ou de aparencia física. "A falta de control xudicial [nas buscas] torna aínda máis probábeis os controlos policiais con base na aparencia de mozos musulmáns", afirma a organización no seu relatorio. 

O relatorio apunta á "islamofobia flagrante" e a unha "diabolización desvergoñada dos refuxiados" nos EUA

Islamofobia

Moi crítico se amosa tamén o relatorio a respeito dos EUA onde sinala "unha islamofobia flagrante e unha diabolización desvergoñada dos refuxiados" ao fío das declaracións desenvolvidas polo candidato republicano, Donald Trump que instou ao fechamento das fronteiras á comunidade musulmá. De igual maneira, moitos responsábeis políticos, entre eles o ministro de Interior español, Jorge Fernández Díaz, falaron abertamente da existencia de terroristas infiltrados nas columnas de persoas refuxiadas que solicitan asilo en Europa. 

“A preocupación de Europa en relación aos novos refuxiados como ameaza terrorista é unha distración perigosa a respeito do verdadeiro extremismo violento", apuntou Roth. Neste senso, desde Human Rights Watch lembran que "os atacantes de París eran case todos cidadáns belgas e franceses". Aliás, sinalan que é a "exclusión social" que atinxe os suburbios de cidades europeas a causa da súa radicalización. 

No nº 182 do semanario en papel publicamos unha reportaxe sobre a integración social e a asimilación ao fío do avanzo da xenofobia que está a vivir a Unión Europea. 

Comentarios