O Polisario reaxe á apropiación marroquí das augas

A Fronte Polisario, por medio do seu responsábel de exteriores, Mohammad Jadad, denunciou onte, quinta feira 23 de xaneiro, o novo intento do Estado marroquí de facerse coas augas territoriais das Illas Canarias que bañan o Sáhara Occidental ocupado por Marrocos co que busca ampliar o seu control sobre esta nación.
Acto en prol da soberanía do Sáhara Occidental (Imaxe: @polisario_)
photo_camera Acto en prol da soberanía do Sáhara Occidental (Imaxe: @polisario_)

Foi a cuarta feira, 22 de xaneiro, cando finalmente o Parlamento marroquí aprobou dous proxectos de lei para estender a delimitación das súas augas fronte o Estado español e Mauritania e cando declarou xuridicamente a súa soberanía sobre estes mares.  

O Polisario condenou no día de onte "o ilegal estabelecemento da zona económica exclusiva e a delimitación das fronteiras marítimas que pretende anexionarse as augas adxacentes ao Sáhara Occidental". Nun comunicado público, Mohammad Jadad tamén sinalou onte que a aprobación dos dous proxectos de lei pola Cámara marroquí chegan no "no marco dunha campaña desesperada levada a cabo por Marrocos para lexitimar a ocupación de partes do Sáhara Occidental mediante os subornos de entidades estranxeiras na súa aventura colonial".

Jadad sinalou que a agresión ás augas son "consecuencia directa do fracaso de España"

Nese sentido, Jadad sinalou que a agresión ás augas son "consecuencia directa do fracaso de España", á que sinala como "potencia administradora do Sáhara Occidental" e a quen interpela para cumprir "dunha vez" coa súa responsabilidade xurídica e histórica de descolonizar o territorio saharauí, conforme ás resolucións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

"Facer máis concesións por parte de España só alentará Marrocos a persistir no seu expansionismo, o cal sofre o pobo saharauí desde que o Sáhara Occidental foi ocupado pola forza no mes de outubro de 1975 coa complicidade das autoridades españolas de entón", denunciou Jadad. 
Para o Polisario existe "agora"unha oportunidade para que o Estado español amose unha faciana democrática e insta, por tanto, o presidente Pedro Sánchez e o vicepresidente Pablo Iglesias a "rectificar o gran erro histórico e a asumir responsabilidades xurídicas e morais cara ao pobo saharauí".

Nin Pedro Sánchez nin Pablo Iglesias adiantaron aínda os seus posicionamentos. O líder de Podemos avanzou que o Ministerio de Exteriores dará unha resposta, mais, polo de agora, a ministra nesta materia, González Laya tan só sinalou que España e Marrocos están de acordo en que "a limitación dos espazos marítimos aínda está pendente".

O asignación das augas "non se poderá facer de maneira unilateral, senón por acordo mutuo entre as partes e de conformidade coa lexislación internacional en vigor", apuntou nunha mensaxe publicada en redes Laya, e asegurou que "non haberá política de feitos consumados". 

Comentarios