O Polisario elixe líder após o pasamento de Mohamed Abdelaziz

Os campamentos do Tindouf acollen o XV Congreso da formación política os días 8 e 9 de xullo. 

Sáhara

Esta sexta feira (8 de xullo) comeza en Dajla, nos campamentos de persoas refuxiadas do Tindouf, o XV Congreso do Frente Polisario. Un cónclave marcado pola elección da persoa que liderará a formación política após o pasamento do que foi o seu secretario xeral desde 1976, Mohamed Abdelaziz, e tamén presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). 

O encontro decorrerá baixo o lema Mohamed Abdelaziz. Forza, Determinación e Vontade para impoñer a Independencia e a Soberanía e del farán parte representantes de numerosas organizacións políticas de todo o mundo, entre elas, representantes da Galiza como a coordenadora da Área de Internacional do BNG, Montse Prado, ou a presidenta do colectivo Solidariedade galega co pobo saharauí (Sogaps), Maite Isla. 

A morte de Abdelaziz e o propio Congreso do Frente Polisario prodúcense nun marco de tensión entre o Sáhara e Marrocos após a expulsión por parte do reino alauita do persoal da Operación Minurso despregada polas Nacións Unidas. Neste senso, malia o acordo adoptado polo Consello de Seguridade da ONU que mantén durante un ano máis a súa operación especial para a convocatoria do referendo de autodeterminación aprobado en 1990, Marrocos continúa a manter a súa ocupación ilegal e non se albisca unha mudanza a curto prazo. 

Comentarios