A policía rexistra a sede do PP en Génova

Por orde do xuíz instrutor do caso Bárcenas, os axentes rexistraron a sede central do Partido Popular na rúa Génova (Madrid) na procura de documentación relativa a unhas obras de reforma que poderían ter sido financiadas con diñeiro negro.

genova
photo_camera Sede do PP na rúa Génova [Imaxe: PP]

A policía española entrou esta quinta feira (18 de decembro) na sede central do Partido Popular en Madrid no decorrer da investigación xudicial coñecida como 'caso Bárcenas'. 

A orde foi emitida polo xuíz instrutor, Pablo Ruz, quen soliciou aos axentes que procurasen documentación relativa a unhas obras de reforma que o Partido Popular podería ter pagado con diñeiro negro. A devandita información, que xa fora solicitada por Ruz o pasado mes de xullo, non fora entregada. 

O pagamento das obras, contratadas á empresa Unifica entre 2005 e 2011, corresponderíase cun dos cobros rexistrados por Luís Bárcenas como doazóns ilegais que, asemade, procedía do arquitecto da mesma empresa, Gonzalo Urquijo. O propio arquitecto prestou hai uns días declaración perante o xuíz Ruz mais este entendeu que os seus argumentos a respeito do pagamento non eran lóxicos. 

O xuíz instrutor do caso citouno a declarar após emitir un auto no que dá conta de indicios suficientes que apuntarían cara á existencia dunha "certa corrente financeira de cobros e pagamentos continua no tempo, á marxe da contabilidade remitida polo Partido Popular ao Tribunal de Contas". 

Comentarios