Axentes da Policía española dan unha malleira a un mozo migrante que cruzaba a verxa en Melilla

O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, négase a comentar as imaxes de RTVE.
Axentes policiais trasladando varios migrantes que acaban de cruzar a verxa de Melilla. (Foto: RTVE)
photo_camera Axentes policiais trasladando varios migrantes que acaban de cruzar a verxa de Melilla. (Foto: RTVE)

Un equipo de cámaras de Radio Televisión Española (RTVE) captou o momento no que varios axentes policiais agrederon brutalmente coas porras un mozo migrante que pretendía cruzar a verxa de Melilla. Nas imaxes pode verse como un grupo de cinco ou seis membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado español golpean en varias ocasións as costas e a cabeza do mozo até reducilo no chan, sen que este faga maior esforzo que o de defenderse da malleira.

O mozo, de orixe africana, era unha das 2.500 persoas que intentaron cruzar o paso fronteirizo que o Estado español ten instalado na cidade de Melilla. Nun primeiro momento, a delegación do Goberno español no termo autonómico denunciara a "suma violencia" que empregaran os migrantes contra os axentes da Policía española, mais as imaxes captadas por RTVE desminten este relato, e mostran como eses mesmos axentes actuaron en todo momento de xeito desproporcionado contra persoas indefensas e en evidentes malas condicións físicas.

Os cámaras do ente público tamén gravaron outros dous vídeos. Nun deles pode verse como trasladan outro mozo migrante entre varios policías, sen que este mostre ningún tipo de resistencia nin da violencia que denunciou o Goberno español.

No outro, RTVE captou varias destas persoas migrantes tombadas no chan, con evidentes signos de cansazo e feridas en pernas e brazos, froito do longo percorrido desde o seus fogares até a fronteira con Melilla e da escalada pola propia verxa.

Marlaska non comenta as imaxes

Preguntado polos xornalistas acerca das imaxes de RTVE, o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, non só non comentou a malleira dos axentes policiais ao mozo, senón que mostrou a súa "solidariedade" cos "máis de 50 gardas civís que resutaron feridos".

O ministro, que xa negou en varias ocasións que a Policía española efectúe operacións con forza desproporcionada nas verxas de Ceuta e Melilla, afirmou que "máis de 2.500 perosas intentaron saltar a verxa (de Melilla) con violencia inusitada, con ganchos e defensas máis grandes que a dos policías e gardas civís", a pesar de que as imaxes de RTVE non evidenciasen ningunha das denuncias de Marlaska.

Política migratoria do Estado español

As imaxes dunha nova actuación desproporcionada por parte da Policía española e a Garda Civil a migrantes africanos chega despois de que a comezos de semana o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciase a regularización de todos os ucraínos desprazados pola ofensiva rusa no seu país, co obxectivo de que poidan acceder "canto antes" ao réxime de políticas sociais español.

A medida, que xa espertou a polémica entre colectivos e plataformas contra o racismo polo feito de que o Estado español non actuara do mesmo xeito noutros conflitos semellantes, como o gran proceso migratorio da cidadanía siria por mor da guerra de 2015, chegou tamén na terza feira ao Congreso.

Na sesión plenaria, o líder da extrema dereita española e candidato de Vox, Santiago Abascal, diferenciou entre os migrantes ucraínos, "que si deben ser acollidos", e os migrantes de orixe africana, que o ultradereitista xenófobo definiu como "mozos en idade militar que se lanzan as nosas fronteiras coa intención de colonizalas".

Pese a que desde o Goberno español negan facer distincións entre a migración que chega de Ucraína e a que chega doutros lugares, nomeadamente África, a malleira gravada por RTVE ao mozo africano por parte da Policía española súmase á lista de actuacións visibelmente vexatorias con estes migrantes.

Comentarios