A policía detén 31 persoas e ordena aos media que abandonen Ferguson

Non debe haber testemuñas nas rúas de Ferguson, o epicentro dos duros confrontos entre manifestantes e os corpos policiais norteamericanos.  Após trascender que o mozo Mike Brown recibiu 6 balazos (2 deles na cabeza), prosegue a forte reacción social perante o que ten todas as trazas de ter sido un crime policial con motivacións racistas. 31 persoas xa foron detidas pola policía.

Ferguson
photo_camera Ferguson


A Garda Nacional do Estado de Missouri -a Garda Nacional é un corpo militar e depende de cada un dos Estados que constitúen os EUA- foi mobilizada para facer fronte a protestos sociais provocados polo crime racista de Mike Brown, morto a mans da policía estadounidense.

É a primeira vez desde os disturbios de Los Angeles de 1992 en que as autoridades políticas deciden mobilizar o Exército para reprimir protestos sociais.

A decisión de mobilizar a Garda Nacional tomouna o gobernador de Missouri, Jay Nixon. O presidente dos EUA, Barack Obama, tomou distancia a respeito desta decisión, e anunciou que monitorizaría a situación, através da fiscalía do Estado, para comprobar se os soldados "axudan ou entorpecen" na procura dunha saída ao conflito.

A policía afirma que un grupo de manifestantes utilizaron medios violentos (cócteles molotov) para expresar a súa ira, mentres que un portavoz policial admitiu que dúas persoas foron albo de disparos. 

Segundo The Guardian, após a chegada dos efectivos da Garda Nacional, a policía ordenou aos xornalistas que desaloxasen a zona en que os confrontos eran máis intensos, ao tempo que se producían choques con algúns manifestantes que, afirma o diario británico, tamén estaban armados.

Segunda autopsia

The New York Times informou esta terza feira de que -segundo a autopsia encarregada polo Departemento de Xustiza dos EUA, a segunda que se lle realiza a Brown- o mozo afroamericano tería morto ao recibir 6 disparos, dous deles na cabeza.

Brown, de 18 anos, foi tiroteado o pasado 9 de agosto cando paseaba cun amigo polo bairro de Ferguson. Estaba desarmado.

Comentarios