Trump chama Kim "home foguete"

"Poderíamos non ter máis opción que a de destruír totalmente Corea do Norte"

"O home foguete (Rocket Man) está nunha misión suicida para el e para o seu réxime", afirmou Donald Trump, en alusión ao líder norcoreano, no primeiro discurso do presidente norteamericano perante a asemblea xeral de Nacións Unidas. Foron 41 minutos de retórica imperial e belicosa, carregada de ataques a Corea do Norte e Irán -nomeadamente-, mais tamén a Cuba e Venezuela.

Screen Shot 2017-09-19 at 17.57.03
photo_camera Donald Trump, na súa intervención

No seu discurso, Trump combinou as mensaxes contra o terrorismo internacional -sen tocar naturalmente as conexións de Estados amigos dos EUA co Daesh- cunha retórica anti-comunista (nas referencias a Cuba e Venezuela) evocadora dos tempos da guerra fría.

Mais o grande protagonista foi a Corea do Norte de Kim Jong-un, ao que se referiu como Rocket Man. De acordo coa súa visión, o mundo inteiro está ameazado polo programa de míseis intercontinentais de Pyongyang. Se a "ameaza nuclear" de Corea "forza os EUA a se defender a si propio e aos seus aliados, daquela non teremos máis opción que a de destruír totalmente Corea do Norte", dixo Trump, a botar aínda máis achas no lume da tensión entre os dous países.

Como costuma facer, Trump mesturou o pau -a destrución total de Corea do Norte- coa cenoura e así, nunha dirección de maior distensión, abriu tamén marxe para unha resolución pacífica do conflito. "É tempo de Pyongyang se decatar de que a desnuclearización é a súa única perspectiva de futuro", dixo.

Non parece que Corea do Norte teña a menor intención de se desarmar. Nas últimas horas unha axencia de noticias oficial de Pyongyang atribuíu a seguinte frase a Kim Jong-un: "O noso obxectivo final é estabelecer un real equilibrio de forzas cos EUA e conseguir así que os dirixentes estadounideses deixen de considerar a opción militar", dixo. Corea do Norte estaría, pois, a aplicar a locución latina Si vis pacem para bellum, "se queres a paz prepárate para a guerra".

A posición de China

A este respeito, a posición de China continúa a ser a dun axente pacificador. En declaracións a Reuters, o embaixador perante os EUA, Cui Tiankai, considerou que a Administración Trump debería abandonar a retórica das ameazas e ollar para Kim Jong-un (no poder desde 2011) como un parceiro co que dialogar.

"Honestamente, os EUA debían facer máis... para que exista unha verdadeira cooperación internacional sobre este asunto. Debían deixar de facer ameazas. Debían facer máis para encontrar unha forma efectiva de retormar o diálogo e a negociación", engadiu.

Mais ao mesmo tempo China non respalda o programa nuclear de Pyongyang. Teme que sexa utilizado por Washington, Seul e Tokio para xustificar unha nova escala armamentista -un dos grandes obxectivos da administración Trump- que dificulte o ascenso de Beijing ao rol de primeira potencia rexional.

Comentarios