Podemos, investigado por presunto financiamento irregular

A formación denuncia que só se procura construír "un caso mediático que dure meses".
Pablo Iglesias e Irene Montero a presidir o Consello Cidadán Estatal de Podemos
photo_camera Pablo Iglesias e Irene Montero.

Podemos foi imputado como persoa xurídica por presunto financiamento irregular tras a denuncia dun antigo avogado da formación. O titular do Xulgado de Instrución número 42 de Madrid, Juan José Escalonilla, tomou esta decisión após analizar as acusacións de José Manuel Calvente contra o partido por poíbeis delitos de malversación e administración desleal.

Ademais, o xuíz tamén imputou o secretario de Comunicación de Podemos, Juan Manuel do Olmo, estreito colaborador do vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, e o tesoureiro e a xerente do partido, Daniel de Frutos e Rocío Esther Val, respectivamente.

Escalonilla citou os tres membros de Podemos para o 20 de novembro en calidade de investigados despois de tomar declaración o pasado 29 de xullo a Calvente, que ratificou a denuncia presentada ante a Garda Civil hai varios meses, tras ser despedido en decembro.

Naquel momento, o avogado acusounos de cesalo por estar a investigar "graves irregularidades" no seo da formación. Desde Podemos, pola súa banda, aseguraron que foi destituído tras abrírselle un expediente por acoso sexual e laboral que, hai uns días, foi arquivado por un xuíz.

Calvente explicou que entre as "irregularidades" que atopou na contabilidade de Podemos había gastos sen xustificar ou que non estaban previstos nos orzamentos e o pago de sobresoldos. Unhas imputacións que os morados negan de maneira rotunda, mais que resultaron suficientes para que Escalonilla solicitase á formación de Iglesias unha gran cantidade de información sobre o financiamento do partido e outros documentos a distintas institucións como o Tribunal de Contas, o Rexistro Mercantil ou o Rexistro de Cooperativas de Madrid.

Con todo, en Podemos non ven moito percorrido á investigación. Esta terza feira, a representación legal do partido presentou un recurso pedindo a nulidade da declaración de Calvente xa que o xulgado só lles enviou 41 minutos de comparecencia ante Escalonilla cando, en realidade, testificou durante case tres horas e media.

Comentarios