'Podemos Ciencia' rexeita sumarse ao boicote a Israel

O círculo acordou nun debate online non se adherir á campaña internacional argüíndo que "censurar cientificamente países non ten sentido" e atribúen o conflito en Palestina "aos políticos" israelitas.

Podemos ciencia rexeitou nun debate interno, mais público, non se sumar ao boicote académico e científico ao Estado de Israel promovido pola campaña internacional BDS e ao que lle solicitaban adhesión através de Ciencia para el Pueblo. O acordo foi adoptado o 10 de agosto logo dun debate virtual da plataforma Loomio, empregada pola organización política para a confrontación de ideas e a adopción de posicionamentos políticos. 

Neste senso, o 38,25% d@s integrantes do cículo de ciencia de Podemos rexeitaron na votación a adhesión da área de traballo científica á proposta. Asemade, o 29,41% emitiron un "bloqueo", isto é, un posicionamento que visa facer trabar a proposta porque non se quer que a votación continúe para adiante. 

Os argumentos empregados pol@s integrantes do círculo argüen que "censurar cientificamente países non ten sentido" xa que, din, "a ciencia é neutra e non entende de fronteiras, nen de idiomas nen de políticas ou guerras". Asemade, afirman que "a masacre de Gaza é culpa dos políticos, non do desenvolvemento académico e a colaboración científica".

Afirman que "a masacre de Gaza é culpa dos políticos, non do desenvolvemento académico e a colaboración científica"

"Unha medida contraria ao principio de igualdade e libre circulación da información" 

Durante a discusión algúns dos posicionamentos amosados pola militancia de Podemos rexeita a adhesión do círculo ao boicote "simplemente", din, por non lle veren "sentido algún" ou porque, ao seu entender, "censurar ou bloquear a produción académica ou científica" constitúa "unha medida contraria ao principio de igualdade e libre circulación da información". 

No entanto, algunhas das persoas que toman parte no debate mesmo poñen exemplos para xustificaren a súa postura, tal como, "cando ti fabricas un coitelo e o vendes haberá persoas que o usen para pelar patacas e outras para matar. Se o empregan para matar é cuestión desas persoas e o castigo ten que se dirixir cara á elas, non cara ao fabricante". 

Así as cousas, algo máis dun 26% dos votos foron favorábeis á proposta de adhesión ao boicote pois consideran o "estado de Israel "racista" como tamén o foi a "Sudáfrica do apartheid" polo que animan a actuar da mesma maneira e "en todas as frontes", non só na académica. Así mesmo, coidan que "non ir ás universidades israelitas para dar congresos e conferencias" é unha "boa medida de presión" até que "os científicos saian en masa a criticar o que están a facer no seu país" co pobo palestino.

Após recibiren críticas pola decisión adoptada, Podemos Ciencia emitiu un comunicado no que din, foi "unha decisión democrática" e "pública"

Após coñecerse os resultados as redes sociais do círculo recibiron fortes críticas pola decisión o que levou á portavocía do grupo a emitir un comunicado público no que din rexeitar a masacre en Gaza, mais que o debate non xiraba arredor do que está a acontecer actualmente en Palestina. Asemade, afirman que foi unha "decisión democrática" na que "todo o mundo" puido posicionarse.

Cumpre lembrar que a proposta de boicote académico debatida ten por obxecto rexeitar "calquera tipo de colaboración co Estado de Israel" que supoña un apoio ao "desenvolvemento económico dun estado terrorista que actúa con total impunidade" contra @s palestin@s. Algunhas das organizacións que asinaron a proposta discutida eran Ciencia para el pueblo, A.E.Malayerba, Coordinadora de Ciencias UCM, Asociación Hypatia (CC Físicas de la UCM), Desobediencia Pinto e a Asamblea Antimilitarista de Madrid. 

Comentarios