Podemos acusa a IU de vetar a Pablo Iglesias como vicepresidente do grupo parlamentario en Bruxelas

Primeiras tensións no seo da esquerda española en Bruxelas. Podemos acusa a IU de vetar a Pablo Iglesias. Willy Meyer négao.

podemos
photo_camera Membros de Podemos no Europarlamento. Foto: GUE.

Podemos e IU partillan grupo parlamentar na eurocámara, o da esquerda europea, no que tamén están integradas formacións como EH Bildu ou o Sinn Féin.

Pois ben, unha tensión larvada comeza a abrirse paso na relación entre os dous grupos da esquerda española, que compiten polo mesmo espazo eleitoral. Destarte, e segundo informa eldiario.es, Podemos -que ten 5 actas no Europarlamento- acusa a IU de vetar o seu líder na súa pretensión de ocupar unha das tres vicepresidencias do grupo parlamentar. Afirma que Willy Meyer se opuxo frontalmente a esa pretensión.

A irritación de Podemos ante o "veto" de IU foi tal que os seus membros pediron que constase na acta da reunión do grupo parlamentar

Meyer nega a acusación -"non é posíbel que unha delegación vete outra, nen que se opoña. O resto das delegacións non o viron"- e garante que en todo momento apoiou unha solución de consenso. En último termo a vicepresidencia que cobizaba Iglesias será ocupada por un representante da esquerda francesa. Tampouco IU accede aos postos de mando do grupo, que fican en mans de forzas alemás (a presidencia), chipriota, francesa e sueca (as tres vicepresidencias).

A irritación de Podemos ante o "veto" de IU foi tal que os seus membros pediron que constase na acta da reunión do grupo parlamentar en que se elixiu a súa dirección.

O portavoz de Podemos consultado por eldiario.es, Pablo Bustinduy, afirmou: "Meyer tomou a palabra imediatamente despois da oferta de Pablo Iglesias e dixo que, se nos presentabamos, suporía un problema". Engadiu que Meyer dixo que IU en principio non aspiraba a ningunha praza na dirección do grupo parlamentar, mas que se Podemos optaba a ela "eles se moverían".

Podemos critica a formación liderada por Cayo Lara por esa "oposición frontal" á súa primeira iniciativa parlamentar, mentres que "en España IU fala de converxencia".

Comentarios