Podem cuestiona a lista de consenso de Colau porque queren un partido "sen cotas"

Na Galiza Podemos si asumiu a lóxica da lista de consenso entre os distintos actores da confluencia.

Xavier Domènech e Ada Colau.
photo_camera Xavier Domènech e Ada Colau.

Avanza, e non sen problemas, o proceso de conformación do novo partido político que promove Ada Colau en Catalunya para fusionar nunha única organización Barcelona en Comú, ICV, EUiA, Podem e Equo. O calendario xa vai esgotando os prazos e a nova formación realizará a súa asemblea constituínte a primeira fin de semana de Abril.

Quen se perfila como primeiro cargo unipersoal da organización, Xavier Domènech, portavoz de En Comú Podem no Congreso, está a manter intensos contactos cos diferentes axentes da confluencia para conformar unha lista de consenso a esta asemblea constituínte. Pois ben, aí apareceron os primeiros problemas para a emerxente formación que terá como referente orgánico Domènech e como auténtica líder, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau. E os problemas chámanse Podem e o seu líder, Albano Dante Fachin. A organización de Pablo Iglesias no Principat non quer ouvir falar de lista única ao congreso. Nun comunicado emitido esta terza feira, Podem expresa a súa oposición á existencia dunha "lista de consenso" porque queren unha formación "sen cotas" e preservar o direito de calquera militante a apresentar unha candidatura aos órgaos de dirección.

Esta posición de Podem contrasta coa tida pola organización na Galiza no recente proceso de constitución de En Marea. Aquí a marca liderada por Pablo Iglesias si que confluíu co resto de actores da confluencia na procura dunha única candidatura de consenso. A unanimidade non foi posíbel ao ficaren fóra da entente sectores de Anova -que promoveron a lista encabezada polo parlamentar David Rodríguez- e Cerna -que lanzaron a súa propia proposta, liderada por Chelo Rodríguez e Paula Vázquez Verao.

Hai hipóteses de ruptura entre Podem e Colau? Non parece probábel. As críticas de Dante Fachín, un dirixente en principio da órbita de Anticapitalistas, embora cada día máis próximo a Pablo Iglesias, parecen ter como obxectivo posicionar mellor a súa marca no novo universo dos comúns con vistas a non ficaren totalmente eclipsados pola forza da alcaldesa de Barcelona.

En todo caso, a partir da próxima segunda feira as 45 mil persoas inscritas en Podem votarán se participan ou non na constitución do novo suxeito político da esquerda rupturista catalá.

Referendo pactado

E mentres tanto, nunha entrevista en Los Desayunos de TVE, Pablo Iglesias voltou a defender esta cuarta feira a súa tese de que o referendo de autodeterminación de Catalunya debe ser unha "consulta pactada".

"Defendemos un referendo legal, vinculante e con recoñecimento internacional. Isto é, un referendo pactado", dixo.

Comentarios