Trump mantén o seu respaldo a Brett Kavanaugh

Pode un xuíz acusado de abuso sexual por 4 mulleres ser eleito membro do Supremo estadunidense?

A resposta é si. Ou mellor, depende de que o Partido Republicano impoña a disciplina de voto, unha figura que en puridade non existe na política norteamericana. O xuíz federal Brett Kavanaugh, proposto por Donald Trump para ocupar un posto vitalicio no Supremo, mantén o respaldo do inquilino da Casa Branca, após a sesión do comité xudicial do Senado decorrida esta quinata feira. Nela compareceron a profesora de California Christine Blasey Ford que o acusa de tentar violala durante os anos do instituto e o propio Kavanaugh. Trump xulgou o testemuño do xuíz como "poderoso, honesto e moi interesante".

Captura de pantalla (26)
photo_camera Christine Blasey Ford, na súa comparecencia perante o Comité Xudicial do Senado

O primeiro cargo contra Trump formulouno Christine Blasey Ford, quen deu a cara contra Kavanaugh nas páxinas de The Washington Post. Logo chegaron denuncias con nomes e apelidos doutras dúas mulleres, Deborah Ramírez e Julie Swetnick, esta última a acusar o xuíz de mesmo ter participado en violacións grupais con rapazas previamente drogadas. Hai unha cuarta acusadora de Kavanaugh, cuxa identidade aínda se descoñece.

Mais mesmo así, con indicios tan abrumadores en contra, a maioir parte dos senadores do Partido Republicano -todos os representantes do partido conservador no Comité Xudicial da Cámara Alta son homes- están dispostos a votar a confirmación de Kavanaugh como integrante do Tribunal Supremo.

O voto afirmativo do Senado é requisito sine qua non para validar o nomeamento do xuíz por Trump. Non só ten que votar o Comité Xudicial após escoitar os testemuños de acusado e denunciante —está previsto que o faga esta sexta feira—, senón que tamén se ten que pronunciar o pleno da cámara.

Todo este proceso está fortemente condicionado polas inminentes eleccións lexislativas de novembro, comicios que renovarán as dúas cámaras lexislativas, congreso e senado. Trump pisou esta quinta feira o acelerador na defensa de Kavanaugh, mais non é absolutamente seguro que o acompañe a totalidade dos senadores republicanos. Segundo informa The Washington Post, no mínimo tres deles non manifestaron que irían facer co seu voto. Se non respaldan o xuíz proposto pola Casa Branca a súa candidatura podería ser rexeitada pola Cámara (os conservadores superan en 4 escanos os demócratas —51 face 47—, mais hai dous senadores independentes de tendencia progresista —un deles é o socialista Bernie Sanders—, isto é, que sen teren afiliación ao partido de Obama e Clinton si participaron nas súas primarias).

O aparato do Partido Republicano é consciente de que unha dilación no proceso —o Partido Demócrata pide un aprazamento mentres o FBI non investigue as denuncias das mulleres— podería resultar en que o candidato a ocupar un posto no Supremo fose votado non agora, senón despois das eleccións de novembro, co conseguinte risco de que nelas muden as maiorías a favor do centro-esquerda.

O testemuño de Ford

En todo caso, a candidatura de Kavanaugh ficou seriamente debilitada polo contundente e críbel alegato de Christine Blasey Ford no Comité Xudicial do Senado. "Estou aquí non porque queira estar", dixo. "Estou horrorizada. Estou aquí porque acredito que o meu deber cívico dicerlels o que me ocorreu durante a época en que Kavanaugh e eu coincidimos no instituto", dixo.

Comentarios