Contra a pobreza e polo pleno emprego no Porto

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Europa, Ana Miranda, participou esta sexta feira e sábado no Porto na Contracimeira Social.
Ana Miranda contracimeira Porto
photo_camera A deputada nacionalista en Europa, Ana Miranda, na Contracimeira de Porto que decorreu na sexta feira e no sábado. (Foto: Nós Diario)

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Europa, Ana Miranda, participou esta sexta feira e sábado no Porto na Contracimeira Social, que decorreu baixo o lema “Erradicar a pobreza, combater a precariedade, garantir o pleno emprego”.

Esta contracimeira, que inclúe diversos paneis informativos e accións na rúa como a manifestación convocada pola Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses (CGTP) "Por unha Europa dos traballadores e dos Pobos", está organizada como resposta á Cimeira Social que se celebra na cidade lusa promovida pola presidencia portuguesa do Consello de Ministros da Unión Europea e cuxos anfitrións son António Costa, pola presidencia portuguesa, e Ursula von der Leyen, como presidenta da Comisión.

“Estamos en Porto para denunciar a falla de ambición da Unión Europea (UE) en políticas sociais e a única aposta por un modelo económico e financeiro neoliberal que esmaga aos nosos Pobos que son os que sofren as consecuencias das sucesivas crises”, subliñou a deputada Ana Miranda, que salientou que para o Bloque resulta tremendamente preocupante este modelo que precariza o traballo e promove pobreza e desigualdade a consecuencia das sucesivas reformas da UE.

Miranda considera que esas reformas, como as impostas polo Semestre Europeo e as recomendacións anuais, están baseadas na desprotección da clase traballadora, a desregularización e a imposición de regras que condicionan a protección laboral e social.

Esas reformas teñen como consecuencia o aumento da pobreza, con máis de 92 millóns de persoas pobres na Unión Europea.

“A Cimeira Social expresa entre os seus obxectivos a redución de 15 millóns de pobres até 2030, o que significa que nese ano seguirían existindo 77 millóns de persoas pobres. Por iso dicimos que estamos ante unha UE insensíbel e con falla de ambición na loita contra as desigualdades e que non está á altura das consecuencias sociais e económicas da pandemia”, manifestou a portavoz do BNG en Europa.

Segundo a portavoz dos nacionalistas en Europa, "as medidas dos xefes de Estado que se reúnen no Porto van ficar no papel como propaganda, pois nin foron capaces de afrontar a crise de 2008 nin están a altura na crise provocada pola Covid-19 e quen paga a perda de emprego e a precariedade son as clases populares”.

“De pouco vale que veñan a Porto a dicir o importante que é o pilar de dereitos sociais e a facer declaracións grandilocuentes se logo esixen aos Estados membros reformas leoninas e impoñen condicións macroeconómicas que implican recortes nos investimentos públicos, precariedade laboral e vital, emigración e desmantelamento da capacidade produtiva e dos servizos públicos como  acontece en Galiza”, denuncia Ana Miranda.

Comentarios