Despois do xiro do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, que se abriu á vía diplomática para pór fin á guerra en contra da posición do seu principal aliado e provedor de armas, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), até 57% da poboación ucraína estaría a favor de comezar as negociacións de paz con Rusia, con 38% en contra, desvelou a sexta feira unha enquisa do Instituto Internacional de Socioloxía de Kíiv, que conta con financiamento occidental.
Con todo, no referente á renuncia aos territorios gañados polos militares rusos, que Zelenski definiu como un tema “moi, moi difícil”, 66% asegurou que Kíiv debe recuperalos, 74% rexeita renunciar ao ingreso na OTAN no acordo de paz e 76% dixo o mesmo da Unión Europea (UE).
Sobre o intercambio de presas entre Rusia e Occidente, que motivou recepcións das persoas liberadas do líder ruso, Vladimir Putin, e o seu homólogo estadounidense, Joe Biden, Moscova confirmou que Vadim Krasikov é un efectivo da intelixencia rusa. Krasikov foi condenado en Alemaña pola morte dun ex comandante checheno acusado de matar soldados rusos e terrorismo.