A poboación chilena rexeita a nova constitución e Boric anuncia "axustes" no seu Goberno

Case 62% da poboación que acudiu a votar fíxoo polo 'non'.
Urna empregada para a votación da nova constitución chilena. (Foto: Europa Press)
photo_camera Urna empregada para a votación da nova constitución chilena. (Foto: Europa Press)

O Servizo Electoral de Chile (Servel) vén de informar do rexeitamento da nova constitución por parte da maioría da poboación do país sudamericano que acudiu este domingo a votar. Con 99,99% dos votos recontados, o ‘non’ á nova carta magna é de case 62%, mentres que o ‘si’ supera por unhas centésimas 38%.

Dos 16 territorios que compoñen o país, en ningún se impuxo a aprobación da nova constitución, que só obtivo un apoio maioritario no voto exterior.

A capital do país, Santiago de Chile, foi protagonista das protestas daqueles que estaban a favor do cambio de constitución e das celebracións dos partidarios e partidarias da actual carta magna chilena, imposta polo ditador Augusto Pinochet a comezos da década dos oitenta, dun marcado carácter neoliberal.

Neste sentido, a nova lei fundamental proposta para Chile facía fincapé no reforzo de dereitos sociais como a vivenda, a atención sanitaria ou a paridade entre homes e mulleres. Aliás, mudaba a definición de Chile, que pasaría a considerarse un Estado “plurinacional” e “intercultural”.

Reaccións políticas

No momento de confirmarse a derrota da nova constitución, o presidente de Chile, Gabriel Boric, realizou un discurso para a poboación do seu país, no que fixo un chamamento ao resto de forzas políticas para retomar canto antes o proceso de diálogo e redacción dunha carta magna que si obteña o apoio maioritario.

O dirixente tamén recoñeceu que “os importantes e urxentes desafíos requirirán axustes nos equipos de Goberno, para enfrontar este novo período con renovados folgos”.

Pola súa parte, o principal rival de Boric nas eleccións de 2021, o ultradereitista José Antonio Kast, asegurou que “o triunfo do rexeitamento é tamén un tremendo fracaso do presidente Boric e de todo o seu Goberno”.

Outro dos políticos chilenos que xa valorou o resultado do plebiscito foi o presidente do Partido Liberal de Chile, Vlado Mirosevich, quen recoñeceu que “aceptamos con humildade o resultado e o seu contido”, para despois engadir que “como país merecemos unha nova Constitución que conteña o sentir do pobo de Chile”.

Comentarios