O pobo boliviano devolve o MAS de Morales ao Goberno

Todas as enquisas apuntaban a un triunfo do candidato do Movemento ao Socialismo (MAS), Luís Arce, mais poucas vían posíbel unha vitoria na primeira volta. A falla de que o reconto oficial confirme hoxe os resultados definitivos, todos dan por feito o retorno ao Goberno da esquerda a pouco menos dun ano do golpe de Estado.
Luis Arce (MAS) gañou nas eleccións de Bolivia.
photo_camera Vitoria contundente do MAS (Foto: @evoespueblo)

O candidato do MAS, a formación liderada por Evo Morales, Luis Arce, gañou, con case total seguridade, as eleccións presidencias en Bolivia na primeira volta. Segundo sinalaron as enquisas a pé de urna coñecidas após o remate da xornada de votación, Arce logrou 52,4% dos votos, o candidato da dereita, Carlos Mesa, 31,5%, e o representante da extrema dereita, Luís Fernando Camacho, 14%. Á espera de que a administración electoral confirme hoxe os resultados definitivos, todos analizan as eleccións como un grande éxito da esquerda boliviana após un ano de forte represión, mais coinciden nas dificultades que ten por diante o novo Executivo.

“Moi agradecidos co apoio e coa confianza do pobo boliviano. Recuperamos a democracia e retomaremos a estabilidade e a paz social. Imos avanzar no noso proceso de cambio recoñecendo os nosos erros. Unidos con dignidade e soberanía”, afirmou Arce nas súas redes sociais tras coñecer os primeiros datos. O economista Luís Arce, ministro de Facenda e posteriormente de Economía e Finanzas Públicas nos Executivos de Evo Morales, facía parte do Gabinete derrocado polo golpe de Estado do pasado ano.

Arce foi un dos ministros máis valorados dos equipos de Morales pola súa xestión na área económica. A este respecto, boa parte dos analistas presentárono como unha peza chave nos resultados a consideración da cidadanía das políticas do MAS que permitiron taxas de crecemento do PIB de 5% e reduciron a pobreza á metade, sacando desa situación a máis de 3.000.000 de bolivianos. Ao tempo, significaron os investimentos públicos para incentivar a demanda e a nacionalización dos sectores estratéxicos da economía e dos recursos naturais, entre eles os mineiros. Precisamente, a decisión do Goberno de Morales de non entregar o control do litio ás multinacionais estadounidenses foi unha das causas do pasado golpe do Estado.

“O gran triunfo do pobo é histórico”

O antigo presidente, Evo Morales, desde o seu exilio arxentino cualificou os resultados como “o gran triunfo do pobo é histórico, inédito e único no mundo: a un ano do golpe, recuperamos o poder político democraticamente coa conciencia e a paciencia do pobo. Somos a revolución democrática e cultural para a transformación nacional. Volvemos millóns”. O papel de Morales no futuro inmediato é unha das grandes incógnitas neste momento, se ben a maioría das fontes dan por suposto o seu retorno do exilio. Preguntado por este asunto, Luís Arce afirmou que o novo Executivo “respectará os tempos dos diferentes poderes” en relación coa causa aberta contra Morales pola xustiza boliviana.

A actual presidenta do país, Jeanine Añez, ou o presidente da Organización de Estados Americanos (OEA), Luis Almagro, sumáronse ás felicitacións a Arce e recoñeceron a vitoria do candidato do MAS. Añez, que retirou a súa candidatura á presidencia para non fragmentar o voto da dereita, afirmou nas redes sociais que “cos datos que contamos, o señor Arce e o señor Choquehuanca gañaron a elección. Felicito aos gañadores e pídolles gobernar pensando en Bolivia e na democracia”. Unha das preocupacións dos dirixentes do Movemento ao Socialismo a disposición doutros candidatos da dereita, do estamento militar e do capital económico a respectar os resultados.

As declaracións de Almagro foron replicadas desde diferentes sectores da esquerda polo seu papel chave no Golpe de Estado de hai un ano. A este respecto, o ex mandatario ecuatoriano, Rafael Correa, afirmou que “o ano pasado Evo gañou con 10%. Agora gañaron con 20%, o cal amosa que o único fraude foi Almagro. Se tivese algo de decencia –que non a ten– renunciaría. A súa deshonestidade custou democracia e sangue”.

Comentarios