A negociación dos orzamentos

PNV consegue a devolución de 1.400 millóns de euros e unha tarifa eléctrica para a industria vasca

A devolución de 1.400 millóns de euros que Euskadi pagou de máis en conceito do cupo durante o período 2007-2014 e a rebaixa da tarifa eléctrica para a industria vasca son os dous grandes logros obtidos polo PNV na negociación co PP do seu apoio aos orzamentos do Estado para 2017. Aitor Esteban, portavoz jetzale no Congreso, xustificou con un "non hai alternativa" a luz verde ás contas dun partido manchado pola corrupción.

Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso (cedida)
photo_camera Aitor Esteban

Os 5 escanos do PNV respaldarán o proxecto de orzamentos do PP, mais non será precisamente debalde. Antes de Aitor Esteban anunciar en conferencia de imprensa o apoio da formación soberanista ás contas do goberno Rajoy, o conselleiro de Economia de Ajuria Enea, Pedro Azpiazu, anunciou un acordo con Madrid sobre o contencioso do cupo. Euskadi consegue a devolución de 1.400 millóns de euros (demandaba 1.600 millóns) que, de acordo co executivo de Urkullu, pagou de máis durante o período 2007-2014 en conceito de cupo (o diñeiro que a Administración vasca transfire ao Estado para o pagamento dos servizos que empresta a Administación central, ben como para cobrir as competencias non transferidas e a alicota parte da débeda pública española que lle corresponde abonar ás e aos contribuíntes vascos).

Non só se produce unha devolución dunha cantidade tan cuantiosa, senón que ademais fica estabelecido o cupo para os próximos cinco anos en 956 millóns de euros, 540 millóns menos que a cantidade correspondente a 2016 (no anteproxecto que enviou Montoro ao congreso o montante por este conceito ascendía a 1.200 millóns de euros).

"É un acordo excelente", avaliou Pedro Azpiazu. Como obterá Euskadi a devolución dos 1.400 millóns de euros? Pois en anualidades sucesivas a descontar do cupo nos próximos exercicios: en 2017, a quita será de 10 por cento, en 2018 de 15 por cento, en 2019 de 20 por cento, en 2020 de 25 e en 2021 de 30.

Mais o acordo vai alén de fechar o contencioso sobre o cupo nun sentido tan positivo para a facenda vasca. O PNV logra tamén unha rebaixa da tarifa eléctrica para a industria de Euskadi, "un aspecto que beneficia toda as empresas", dixo Esteban, sen precisar máis o contido desta medida. Tamén hai acordo sobre o cronograma completo do coñecido como o Y vasco, conexións ferroviarias cos aeroportos, ben como tamén o nihil obstat para que Ajuria Enea poda realizar novas convocatorias de persoal que permitan repor os postos de traballo amortizados na Ertzaintza.

Comentarios