O pleno do Tribunal Constitucional votará contra os dereitos de congresistas electos

A maioría conservadora impón o seu criterio na sesión decorrida onte.
Edificio do Tribunal Constitucional en Madrid (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tribunal Constitucional.

A Sala Primeira do Tribunal Constitucional (TC) acordou onte levar ao próximo pleno, para o cal non hai aínda prevista data, a resolución de tres recursos presentados no seu día polas forzas da dereita españolista contra os acordos adoptados no seu momento pola mesa do Congreso e do Senado a respecto das distintas fórmulas de acatamento empregadas na sesión constitutiva das Cortes de maio de 2019.

A maiores, Vox presentou un recurso contra a fórmula empregada por un total de 29 parlamentarios, os máis deles pertencentes ás organizacións nacionalistas, na sesión do Congreso que deu arranque á actual lexislatura. Segundo fontes do Tribunal Constitucional consultadas por Europa Press, para unir o debate do recurso de Vox aos tres anteriores fica por comprobar tecnicamente que as impugnacións son similares e non merecen debate diferenciado o fondo de todos eles.

O resultado da última xuntanza do Tribunal Constitucional representou unha vitoria para sector máis reaccionario. Tanto é así que botaron abaixo os informes previos que avogaban por non admitir estes recursos, ao non perseguir obter o amparo dunha vulneración dos dereitos fundamentais, na liña do disposto pola xurisprudencia do mesmo. Porén, este resultado era previsíbel, ao ir asinado por seis maxistrados, sendo unicamente necesarios tres votos.

O Tribunal Constitucional tense manifestando en diversas ocasións sobre a fórmula de acatamento. Se en 1990, en relación co caso dos electos de Herri Batasuna, deu por bo o engadido de "por imperativo legal", no caso galego avalou na década dos 80 a expulsión dos parlamentarios nacionalistas Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido por non xuraren a Consitución de 1978. A este respecto, en declaracións a Nós Diario, Lois Diéguez considera que "que o fagan agora é porque están tremendo" e agarda que "a extrema dereita non leve a titubear as posicións democráticas". "Xurar unha constitución significa mesturar o moral e o político e a moral non pode ser xurada", conclúe Diéguez.

As formalidades xurídicas agochan un debate político de fondo na xurisdición constitucional, empregado historicamente como un ariete contra as reivindicacións nacionalistas. A este respecto, os representantes das formacións afectadas polo recurso xa expresaron a súa intención de non dar marcha atrás nas súas posicións.

Comentarios