Un planeta san, igual a menos pandemias

Aínda que, como consecuencia da corentena pola pandemia da COVID-19, a emisión de gases de efecto invernadoiro diminuíu e a cualidade do aire mellorou, os expertos alertan contra a compracencia desta temporalidade e urxen a escoitar os sinais de saturación que emite o noso planeta.
deforestacion3
photo_camera A tala intensiva de árbores e o avance da deforestación están entre as causas do aumento de casos de zoonose nos últimos anos (Nós Diario)

"Os cambios de temperatura, humidade e estacionalidade afectan directamente a supervivencia de microorganismos no ambiente, e as probas suxiren que as epidemias de enfermidades se tornarán máis frecuentes a medida que o clima continúe a cambiar". A directora do Programa das Nacións Unidas para o Ambiente, Inger Andersen, incidiu nas últimas horas na correlación existente entre a destrución ambiental e a propagación do virus SARS CoV-2, causante da pneumonía COVID-19; e alertou, ademais, do excesivo optimismo das últimas semanas a respecto da capacidade de recuperación do planeta.

"Só mudanzas sitémicas a longo prazo cambiarán a traxectoria dos niveis de CO2 na atmosfera", sinalou Andersen, e pediu "unha mudanza nos nosos hábitos de produción e consumo cara a outros máis limpos e máis verdes" co fin de conseguilo.

Invasión de ecosistemas

O informe Fronteiras, elaborado por esta axencia da ONU alertaba xa en 2016 que as zoonoses (enfermidades propias dos animais vertebrados que poden ser transmitidas ás persoas) son "oportunistas" e "prosperan cando hai cambios no ambiente". 

Arredor de 75% das novas enfermidades infecciosas son zoonóticas e provocan millóns de mortes anualmente. Entre estas, está a provocada polo SARS CoV-2, mais tamén o Zika, o Ébola, o H1N1 ou o VIH.

A progresiva invasión de ecosistemas iniciada no século pasado e intensificada neste, con  importantes alteracións do ambiente a través das talas e da grande industria agroalimentaria, levou o ser humano a un maior contacto cos animais salvaxes e a aumentar o risco de zoonoses. Ademais, destruíronse zonas de amortecemento naturais, que normalmente separan os humanos da vida silvestre.

E tamén o mercado de fauna salvaxe axuda a que os virus salten entre especies animais e acaben chegando ás persoas.

One Health, visión multisectorial

O concepto One Health ("Unha Soa Saúde") é unha estratexia mundial para aumentar a comunicación e a colaboración interdisciplinar no coidado da saúde das persoas, os animais e o ambiente, entendendo que todas están ligadas entre si. 

A Organización Mundial da Saúde (OMS) traballa nos últimos anos para favorecer este tipo de enfoque multisectorial para, entre outras cousas, o control da zoonose. Apoia desde o seus inicios a plataforma One Health Initiative, que leva máis dunha década traballando neste sentido e conta co sostén de numerosos profesionais médicos, veterinarios e ambientais de todo o mundo.

One Health Initiative naceu a mediados dos anos 2000 despois do temores que provocou o brote do virus H5N1, unha cepa altamente patóxena da gripe aviaria que tiña unha taxa de mortaldade próxima a 60%.

O coidado do ambiente favorece, ao cabo, a saúde do ser humano. Tamén o fai o coidado da fauna salvaxe e o benestar dos animais para consumo. One Health defende que os esforzos só do sector sanitario non poden previr as enfermidades.

Comentarios