A piques de ser imputados 50 policías pola violencia do 1-O

Avanzan as causas xudiciais contra case 50 axentes que participaron na represión contra a cidadanía que foi votar no 1-O, a pesar dos intentos da Fiscalía de pór obstáculos ao proceso, até o punto da Audiencia de Barcelona mostrarse sorprendida "polo descoñecemento da Fiscalía" sobre a xurisprudencia.

Policía agredindo cidadás en Barcelona, o 1 de outubro de 2017, para evitar o referendo. (Foto: Vilaweb)
photo_camera Policía agredindo cidadás en Barcelona, o 1 de outubro de 2017, para evitar o referendo. (Foto: Vilaweb)

As 27 causas xudiciais abertas contra uns 50 policías, acusados de causar lesións en case 30 centros electorais contra a cidadanía que participaba na votación do referendo de autodeterminación decorrido en Catalunya o 1 de outubro de 2017, continúan o seu percurso despois da decisión da Audiencia de Barcelona de desestimar a petición da Fiscalía para arquivar a maioría dos casos.

Esta cuestión implica que, como mínimo, serán xulgados por un delito contra a integridade moral, penado con dous anos de cadea como máximo, segundo resolveu o xuíz instrutor Francesc Miralles, titular do Xulgado de Instrución número 7 de Barcelona.

Miralles recoñece que 300 atestados médicos demostran que os policías causaron “un sufrimento físico e psíquico”, adiantou El Punt Avui. Neste punto, o xuíz instrutor ten que decidir se os leva a xuízo nunha única peza ou separadas.

O tribunal da sección terceira da Audiencia de Barcelona, formado polas maxistradas Myriam Linage, María Carmen Martínez e Carmen Guil, conclúe que hai indicios delitivos contra os axentes, avala o traballo de Miralles e critica o empeño da Fiscalía en obstaculizar o desenvolvemento dos casos.

Tamén se amosa “sorprendido sobre todo polo descoñecemento da Fiscalía” sobre a lei española, ao solicitar o ministerio fiscal o arquivo das acusacións baseándose na sentenza do Supremo sobre o 1-O, que afirma que as e os policías usaron a forza para cumprir coa orde xudicial de parar o referendo.

A resposta da Audiencia provincial determinou que cada xulgado e tribunal son independentes mentres non se xulgue a mesma persoa polos mesmos feitos e que outras resolucións xudiciais non inciden na causa.

A petición do fiscal era reducir o número de procesos xudiciais a cinco causas por delitos leves e dúas por graves, nas que se incluiría a peza de Roger Español, a quen lle baleiraron un ollo cunha pelota de goma disparada pola Policía. Mentres, Español está acusado de atentado contra a autoridade.

Case mil feridos a mans de Policía e Garda Civil durante o referendo

A actuación policial o 1 de outubro de 2017 deixou case mil persoas feridas. A Audiencia Nacional, na sentenza na que absolveu Josep Lluís Trapero, xefe dos Mossos d'Esquadra, eloxiou o comportamento da Policía catalá durante o dispositivo, "dirixido a minimizar os danos", a diferenza da actuación dos operativos organizados por Policía e Garda Civil.

Hai poucos días transcendeu que a mesma Audiencia de Barcelona rexeitou imputar os altos mandos policiais pola violencia ao tentar evitar o referendo para non converter o xuízo nunha “causa xeral” contra Policía e Garda Civil, mais recoñeceu que “hai imaxes dese día absolutamente lamentábeis e inxustificábeis”, tamén asume na resolución que “é innegábel que nalgúns casos a actuación de axentes concretos non estaba xustificada e puidese ser delito”. 

Comentarios