Irmá do militante de ETA vítima da guerra suxa do Estado

Pili Zabala, favorita nas primarias de Podemos para ser candidata á lehendakaritza

Unha muller portadora dun apelido de forte contido simbólico na esquerda abertzale perfílase como a candidata de Podemos á lehendakaritza. Pili Zabala, apesar dos seus vínculos familiares, sempre mantivo unha distancia crítica a respeito do independentismo vasco.

Pili Zabala
photo_camera Foto: Naiz

Pili Zabala é a candidata do sector oficial de Podemos en Euskadi e todo indica que se imporá nas primarias para a escolla da cabeza de cartaz da marca morada nas xa inminentes eleccións vascas.

Nas súas primeiras declaracións ao trascender a noticia de que vai pelexar pola candidatura de Podemos, Zabala declarou que a oferta que recebeu da dirección do partido morado -en concreto da súa secretaria xeral, Nagua Alba- representa a “oportunidade de liderar un proxecto de futuro que ofereza máis oportunidades para avanzar cara á blindaxe dos nosos dereitos, coide e mellore as institucións e dea pasos na construción dun marco de paz e convivencia estábel e duradeira”.

A súa designación como candidata nas primarias produciu unha certa conmoción na esquerda abertzale, consciente do poder simbólico dun apelido que no imaxinario colectivo do independentismo vasco remite para a época máis dura do terrorismo de Estado.

Otegi enfatiza que Pili Zabala non só non vén da esquerda abertzale, senón que ten criticado con dureza nalgunha ocasión o independentismo vasco

Esta cuarta feira, nunhas medidas declaracións, o líder da esquerda abertzale, Arnaldo Otegi, tentou restar importancia á entrada en xogo da que se perfila como candidata de Podemos: “Os proxectos son o importante, non é que eu sexa o importante, nen que o sexan Pili Zabala ou Idoia Mendia [candidata do PSOE], senón que proxecto apresenta cada cal para este país, e nós temos un moi claro, o doutros non sabemos aínda cal é”.

Interpelado sobre se teme que o aparecimento de Zabala no cenario poda restar votos a EH Bildu, Otegi dixo: “Dáme un pouco de pudor falar destas cousas. Non se trata de ver quen lle arrebata votos a quen, senón de quen ten un proxecto para este país”.

Si quixo enfatizar que Pili Zabala non só non procede da esquerda abertzale, senón que máis ben sempre mantivo un posicionamento crítico co independentismo vasco: “Non creo que sexa unha persoa que se distinguise por ser da esquerda abertzale, creo que é unha persoa que ten criticado con dureza a esquerda abertzale nalgunha ocasión”.

17.000 inscritos para votar

Nas primarias, Zabala terá como rival a Juan Luis Uría, do sector crítico de Podemos Euskadi. A votación decorrerá entre os días 26 e 31 deste mes. Hai 17.000 persoas inscritas para votar. Estímase que podería participar co seu voto por volta do 20% dese censo. 

Podemos vai ás eleccións ao Parlamento de Gasteiz após se ter imposto nas últimas eleccións xerais en Euskadi, co 29,05% dos votos (concorrían en coligazón con IU), face o 24,91% do PNV e o 13,30% de EH Bildu.

Comentarios