A colaboradora de Sermos Galiza, Pilar Fernández, e coordenadora da campaña de apoio Solidarity with Scotland, está nominada aos IndyRef Awards 2014 que organiza a publicación Bella Caledonia.
Xunto co president da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, e o músico Billy Bragg, Fernández concorre á categoría de mellor acto internacional nuns galardóns que visan "celebrar", sinalan desde Bella Caledonia, "o incríbel ano" que supuxo 2014 arredor do proceso de autodeterminación escocés.
O período de votación, que xa foi iniciado, prolongarase durante toda esta semana e concluirá cunha cerimonia de entrega dos galardóns.
Desde Bella Caledonia premian tamén o 'Mellor libro do ano', a persoa que representou mellor o activismo xuvenil pola independencia ou a maior 'campaña desastre' á que concorre o Project Fear unionista.