Piden reabrir a investigación do asasinato do activista Malcolm X

Novas probas implican, presuntamente, a Policía de Nova York e o FBI no asasinato do activista.
Malcolm X
photo_camera O activista Malcolm X rodeado de xornalistas. (Foto: Arquivo)

As fillas do activista afroestadounidense coñecido como Malcolm X, quen foi asasinado en 1965, solicitaron a reapertura da investigación sobre o seu homicidio despois de que unha testemuña implique, presuntamente, a Policía de Nova York e o FBI

Nunha rolda de prensa, na que, alén da familia, participaron os avogados do activista, publicaron novas probas que mostrarían como a Policía e o FBI conspiraron para asasinar a El-Hajj Malik El-Shabazz, coñecido como Malcolm X. 

As probas consistirían nunha carta dun ex oficial encuberto da Policía de Nova York, na que afirma que os seus supervisores o apremaron para que conseguise que dous dos homes de seguridade do activista cometesen delitos uns días antes do asasinato. 

O arresto destes homes faría que non puidesen acompañar o activista no día do tiroteo. “Dixéronme que alentase os líderes e membros dos grupos de dereitos civís a cometer delitos”, detalla a misiva escrita por Raymond Wood, quen autorizou o seu curmán a publicala despois de morrer.

O fiscal do distrito de Manhattan, Cyrus Vance, está a revisar o caso e, tras a revelación desta información, asegurou que a investigación se atopa “activa e en curso”.

Investigado polo FBI

Os días previos ao asasinato, Malcolm X confesou nunha entrevista que sospeitaba que membros da Nación do Islam estaban a tratar de o matar, a súa casa fora bombardeada.

Posteriormente, coñeceuse que, neses momentos, estaba a ser investigado polo FBI polos seus presuntos lazos co comunismo.

Comentarios