Rajoy podería ter que esclarecer se declarou os 1,5 millóns que recibiu en sobresoldos

A acusación popular no caso Bárcenas -en concreto, a Asociación de Abogados Demócratas por Europa- estima en máis de 23 millóns de euros o diñeiro supostamente en B que recibiron dirixentes e altos funcionarios do PP durante o período 1990-2011. Rajoy está á cabeza no ránking de perceptores. Segundo a acusación popular, ingresou 1,5ME en sobresoldos. Agora piden que Rajoy certifique que declarou a Facenda esas cantidades.

Mariano Rajoy durante a comparecencia de imprensa
photo_camera Mariano Rajoy durante a comparecencia de imprensa

22.334.747,26 euros. Esta é a cantidade que tería ingresado, en conceito de sobresoldos, a cúpula do PP, durante o período 1990-2011. Así o afirma a acusación popular no chamado caso Bárcenas. Piden ao xuíz instrutor -Pablo Ruz, da Audiencia Nacional- que reclame de 40 dirixentes do PP, á cabeza dos cales se achan Rajoy e Aznar, que entreguen as súas declaracións á Facenda, para que se esclareza se declararon ou non a percepción dos xa celebérrimos sobres de Bárcenas.

A asociación de letrados que exerce a acusación popular elaborou unha táboa de remuneracións (apartir da contabilidade do PP e tamén de información fornecida polo Tribunal de Contas e a propria Axencia Tributaria) en que aparecen consignados os sobresoldos aos altos executivos do partido que ocupa o goberno estatal e galego.

A acusación popular pide ao xuíz que se dirixa ás Cortes Xerais do Estado para obter das cámaras información sobre as declaracións patrimoniais realizadas durante estes anos polos dirixentes do PP que son parlamentarios.

Comentarios