mércores 08/12/21

Pfizer e Moderna soben os prezos das súas vacinas contra a Covid

Nos últimos contratos negociados pola Unión Europea (UE), a empresa farmacéutica Pfizer subiu o prezo das doses da súa vacina máis dun 25% do seu prezo orixinal, mentres que Moderna incrementouno nun 10%. 

 

Persoal sanitario sostén unha dose da vacina de Pfizer/BioNTech. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
Persoal sanitario sostén unha dose da vacina de Pfizer/BioNTech. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

Segundo informa o xornal Financial Times, que tivo acceso aos contratos, o novo prezo dunha dose de Pfizer é de 19,50 euros, cando antes custaba 15,50. A de Moderna véndese agora por 21,49 euros fronte aos 19 orixinais.

Oferta e demanda

Desta remuda nos contratos é de esperar un maior beneficio para as farmacéuticas , que contan xerar miles de millóns resultado dos novos acordos cos Gobernos, atentos á expansión da variante Delta e á súa maior contaxiosidade.

A esta alerta, cómpre sumar a alta demanda das vacinas de tecnoloxía ARNm fronte a outras solucións e competidores. Segundo expertos en Economía, este rápido incremento na demanda do seu produto fai subir os prezos das doses, un aumento ligado ao do propio valor das vacinas derivado da súa elevada efectividade.

Con todo, matiza o Financial Times, malia que o prezo da dose de Moderna aumentou, o novo importe é en realidade máis baixo dos 24,02 euros que tiña pactados con Bruxelas.

Fontes de Pfizer explicaron ao xornal que Bruxelas tería acordado un prezo máis alto polas vacinas co fin de asegurar a súa fabricación en Europa, polo que o novo prezo das doses é o mesmo que se acordou no principio do ano, aseguran.

Máis de 33 mil millóns

A semana pasada, a compañía Pfizer subiu a súa guía de beneficio anual a 33,5 mil millóns de dólares, un terzo máis da proxección que tiñan até o de agora, despois de dobrar a venda das vacinas durante o último cuarto do ano. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O  CEO de Pfizer, Albert Bourla, defendeu que os prezos das vacinas vendidas aos países máis desenvolvidos economicamente eran "comparábeis" entre si, mentres que os países de "renda media" pagaron a metade e os que teñen menos recursos só pagan o custo de producilas. 

Aínda así, os países con máis recursos económicos seguen sendo, con gran diferenza, os que compraron máis doses das vacinas contra a Covid. De feito, os países con menos ingresos compraron o AstraZeneca moito máis que ningunha outra marca.

Pfizer, que comparte beneficios coa alemá BioNTech, espera subir os seus prezos despois da pandemia. Segundo os expertos, a diferenza entre os ingresos das compañías que fabrican vacinas  ARNm e o resto seguirá crecendo o próximo ano.

Pfizer e Moderna soben os prezos das súas vacinas contra a Covid
comentarios