xoves 28.05.2020

A petición de Trump de prohibir a entrada de musulmáns en EUA vólvese na súa contra

A petición de Trump de prohibir a entrada de musulmáns en EUA vólvese na súa contra

Pola boca morre o peixe, tamén na política de Estados Unidos. Donald Trump propuxo que se prohibira a entrada de musulmáns nos EUA e a proposta volveu a el como un 'búmerang' en forma de duras críticas e forte rexeitamento. Non só chegaron do Partido Demócrata e organizacións de dereitos civís, senón do propio Partido Republicano. Marco Rubio, favorito entre o sector conservador tradicional, cualificou as palabras de Trump de “estrafalarias”. Jeb Bush, do bloco moderado do PR, dixo que era un “perturbado”. Desde o bando demócrata fálase de Trump como un “fascista demagogo” e a Casa Branca considera que non está preparado para gobernar un país.

Trump non é o primeiro candidato á presidencia que se caracteriza por mensaxes populistas, alicerzados na dereita máis dura, Mais é o primeiro cunha gran habilidade para usar en beneficio propio as aparicións televisivas, algo chave xunto co diñeiro (que ten, e moito) para ter carreira política nos EUA. No verán de 2016 é a convención republicana de onde sairá o candidato do partido á presidencia de EUA. Hai inquietude sobre o peso co que pode chegar alí o estrafalario millonario. Porque a mensaxe demagóxica e racista atopa terreo abonado. Con Reagan o PR deu un claro xiro á dereita que, desde entón, tense ido incrementando en amplos sectores do partido.

comentarios