A pesca e a supervisión legal continúan a ser os escollos para o acordo post-Brexit

Hoxe, 15 de outubro, era a data límite fixada polo primeiro ministro británico, Boris Johnson, para, de non haber un acordo, romper as negociacións e o Reino Unido marchar sen estabelecer un marco de relacións futuras coa UE. A intensificación onte das conversas freou este salto sen rede, mais a ameaza do 'no deal' mantense.  

EuropaPress_3334269_23_september_2020_england_london_eus_chief_negotiator_michel_barnier
photo_camera Michel Barnier, negociador da Unión Europea nas conversas sobre o acordo post-Brexit co Reino Unido (Aaron Chown / PA Wire)

As conversas entre a Unión Europea e o Reino Unido para chegar a un acordo sobre a súa relación futura continúan atoadas en tres cuestións xerais: os mecanismos para asegurar o seu cumprimento e a solución das diferenzas que poidan xurdir na súa aplicación; o estabelecemento dunha igualdade de condicións entre as dúas partes, nomeadamente no referente a unha competencia xusta entre as empresas británicas e comunitarias; e por último, o referente á pesca, tema que xa se prevía complicado desde que se confirmou que habería Brexit. Máis concretamente, desde que o Reino Unido abandonou a UE o pasado 31 de xaneiro. 

Conversas que durante o tarde de onte, segundo informou a axencia EFE, mantivéronse de forma directa entre os máximos representantes do Reino Unido e da Unión Europea. "Chamada esta tarde [por onte] ás 8.30 pm horas de Bruxelas con Boris Johnson, de maneira conxunta coa presidenta Von der Leyen, antes do Consello Europeo", escribiu na súa conta do Twitter Barend Leyts, portavoz do presidente do Consello Europeo, Charles Michel. 

Chamada a tres

A chamada telefónica Von der Leyen-Michel-Johnson produciuse na véspera de que, hoxe, comece a cimeira europea en que os xefes de Estado e de Goberno dos 27 analizarán o momento actual das negociacións post-Brexit entre Bruxelas e Londres. As dúas partes aspiran a fechar o acordo nas próximas semanas, de maneira que se poida levar a cabo a ratificación parlamentaria no Reino Unido e na UE entre novembro e decembro, e o convenio poida entrar en vigor o próximo 1 de xaneiro.

Ese día terminaría o período transitorio en que a lexislación comunitaria continúa a ser aplicada no territorio británico e, finalmente, o Reino Unido converterase de maneira definitiva nun país terceiro.

Non obstante, o primeiro ministro británico mantivera en todo momento que a de hoxe, 15 de outubro de 2020, era a data límite para alcanzar un acordo. Fontes próximas á negociación citadas pola axencia Reuters aseguraron, porén, que Londres non tomará decisións drásticas até despois de se coñecer as conclusións saídas do Consello Europeo.

Segundo figura no esbozo desas conclusións ao que tivo acceso a axencia AFP, o "progreso nos temas chave de interese para a Unión non é aínda abondo para que se alcance un acordo". Ademais, convídase ao negociador comunitario, Michel Barnier, a "intensificar as negociacións" co seu homólogo británico, David Frost, para fechar e implementar un acordo comercial antes da data última de 1 de xaneiro. 

Certeza: Barnier vs. Merkel

Na pasada terza feira, despois dunha xuntanza con ministros de asuntos europeos de todos os Estados membros, Michel Barnier asegurou que "a UE continuará a traballar por un acordo xusto nos días e semanas vindeiras", desdeñando as ameazas de ruptura do primeiro ministro británico. 

"É a terceira data límite unilateral que Johnson impón sen haber un acordo", manifestou, e sostivo: "Aínda temos tempo". Pola súa banda, Londres acusou a Bruxelas ─recolle The Guardian─ de "usar o vello manual polo que pensan que deixar que o tempo se esgote vai en contra do Reino Unido".

Máis pesimista que Barnier ─ou se cadra, máis realista─ é a presidenta do Goberno de Alemaña, Angela Merkel, que tamén na terza feira durante o discurso que pronunciou ante o Comité das Rexións da UE asegurou que "queremos un acordo". "Mais debemos tamén de afrontar a realidade, porque un acordo ten que ser, evidentemente, en beneficio das dúas partes", engadiu porén.

Entre outras cuestións, a ausencia de pacto entre o Reino Unido e a Unión Europea paralizaría momentaneamente a partir do 1 de xaneiro todo o transporte de bens e de persoas entre os dous territorios. Revertería ademais todas as regras comerciais existentes agora até os mínimos estabelecidos pola Organización Mundial do Comercio (OMC).

Acceso aos caladoiros británicos, "por historia"

Bruxelas quere asegurar que os seus pesqueiros poidan acceder a augas británicas, mais Londres insiste en que a súa soberanía fique reafirmada e non acepta que a UE teña capacidade legal sobre este tema. Avoga, pola contra, por un simple acordo bilateral como o que a UE ten asinado co Canadá; e Bruxelas retruca dicindo que a economía británica é máis próxima e está máis integrada coa comunitaria que a canadense. Ademais, defende que o mercado único debe estar protexido legalmente de calquera mudanza de parecer por parte do Reino Unido.

Os Estados con intereses pesqueiros máis próximos, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Dinamarca e, principalmente, Francia, son os que máis están a presionar neste tema. París mantén a postura máis firme ─Barnier é francés, cómpre lembrar─. En concreto, insiste en que os seus barcos levan operando en augas británicas desde séculos antes de que a UE fose formada.

Comentarios