A pesca manda nas negociacións do Brexit entre a UE e Reino Unido

Johnson chama a prepararse para unha saída sen acordo.

boris_johnson
photo_camera Boris Johnson

A falla de menos de 100 días para que remate o período transitorio aberto tras a decisión do parlamento británico de facer efectivo o acordo do referendo de saída da Unión Europea, as distancias entre as dúas partes semellan cada día maiores.

Tanto é así, que o primeiro ministro inglés, Boris Johnson ven de chamar á cidadanía do Reino Unido a prepararse para unha saída sen acordo e acusar a Bruxelas de non querer “negociar seriamente” o marco de relacións políticas e comercias entre ambos bloques.

Nunha liña semellante, o número dous do seu Goberno e responsábel da comisión negociadora, Michael Gove considera que “as negociacións están rematadas” e sinala que “a pelota está no campo da Unión Europea”.

“Así, con toda a dor de corazón, mais coa confianza plena, ímonos preparar para alternativa e imos prosperar como unha nación comercial libre e independente, controlando e definindo as nosas propias leis. A non ser que haxa un cambio fundamental no tratamento da cuestión por parte da UE”, afirmou Johnson, quen puxo a atención nas diverxencias existentes en relación ao marco de goberno común, ao aceso aos mercados internos de cada un dos bloques, o famoso level-playing field e á política pesqueira.

Precisamente a pesca tense convertido nun punto especialmente sensíbel das negociacións, dado a súa importancia para o Reino Unido e para algúns Estados comunitarios, como Francia ou Países Baixos.

Un grupo de Gobernos europeos con fortes intereses en augas británicas encabezados por Francia están defendendo manter o estatus actual, posición partillada pola flota galega, moi presente nos caladoiros desa nacionalidade e con preto 1.800 mariñeiros pendentes do resultado dos contactos.

Ao tempo, para o Reino Unido este é un tema moi conflitivo por razóns de política interna, xa que o sector pesqueiro é moi crítico coas políticas comunitarias, até o punto que 100 das 120 circunscricións parlamentarias costeiras do Reino Unido teñen votado no referendo de 2016 a favor de abandonar a Unión Europea.

A posición respecto da pesca está abrindo fendas dentro da UE. Unha aparte de Estados, onde esta actividade non é importante na súa economía defenden rebaixar as esixencias comunitarias nesta cuestión. Nesta liña, sitúase Alemaña que a través do seu ministro de Asuntos Europeos, Michael Roth amósase partidario de facer cesións nesta cuestión.

Comentarios