Sinala Oriol Junqueras como o "motor principal" da insurrección

A pesar da ausencia de probas, a Fiscalía reafirma o cargo de rebelión: "Foi un golpe de Estado"

O Código Penal estabelece con meridiana clareza que a rebelión só se verifica se hai un alzamento violento. Durante o xuízo ao independentismo catalán, a Fiscalía non foi quen de achegar probas que permitisen concluír que arredor do 1 de outubro de 2017 se producise un movemento insurreccional en Catalunya. Mesmo así, esta terza feira e no sprint final do proceso xudicial ao procés, o Ministerio Público reafirmou os seus cargos:  rebelión, sedición e malversación de fondos.

fiscal javier zaragoza
photo_camera Javier Zaragoza

As escenas de violencia do procés son basicamente as das cargas policiais o 1 de outubro. Pois ben, até esas son utilizadas no discurso da Fiscalía contra o independentismo catalán. Se se produciron non foi por responsabilidade das autoridades do Estado español con mando sobre a policía nacional, senón porque os dirixentes soberanistas puxeron en marcha un proceso político contrario á Constitución de 1978 a sabendas de que se acabarían producindo disturbios.

A argumentación ten un serio problema. No referendo anterior, 9 de novembro de 2014, non se produciu ningún incidente violento e no do 1 de outubro de 2017 só nun conxunto de colexios, aqueles nos que actuou a policía nacional.

Nada diso apareceu no alegato da Fiscalía, cuxo titular, Javier Zaragoza, mantivo todos os cargos contra os independentistas, até o punto de cualificar o 1-O como un "golpe de Estado". Unha insurrección con nomes e apelidos. Os de Oriol Junqueras, o líder de ERC encarcerado en Lledoners e deputado duplamente eleito no Parlamento español e na Eurocámara, a quen o Ministero Público considera "motor principal da rebelión".

Si houbo un "alzamento", si houbo "violencia física", si houbo "colaboración" na rebelión dos Mossos e si houbo un "ataque contra a orde constitucional". Así o defendeu Zaragoza, mais sen pór sobre a mesa ningún material probatorio relevante, mais alá das referencias aos desperfectos ocasionados nos vehículos policiais destacados diante da sede da Consellaría de Economía no centro de Barcelona —"coches masacrados", dixo apocalíptico Zaragoza—, o 20 de setembro de 2017, e o parte de danos dos policías que participaron nas cargas nos colexios electorais.

"Todos lembramos a imaxe do secretarios xudiciais atemorizados", afirmou Zaragoza como se a reacción subxectiva duns individuos bastase para edificar un alegato de rebelión, un delito que no ordenamento xurídico español pode levar aparelladas penas de até 30 anos de prisión.

Comentarios